“o actual é o momento no que fai máis falta a política, secuestrada polo poder económico'

Tereixa Paz, na rúa do Paseo (Foto: Marcos Atrio)
Tereixa Paz cconta cunha ampla traxectoria política na que pasou polo seu Concello natal, a Deputación, a vicepresidencia do Parlamento e como deputada na oposición os últimos catro anos. Agora, lidera a candidatura ourensá do BNG nas eleccións do día 21.
Coñecemos o pasado e o presente. Pero por onde ten que pasar inevitablemente o futuro de Ourense?
Máis que en ningún outro sitio, o futuro pasa por que miremos os potenciais productivos e sexamos capaces de poñelos en valor. Na provincia temos moita capacidade alimentaria, de transformación da madeira e grandes posibilidades termais. Todo iso é preciso acompañalo de investimentos.

No futuro crecemento, que erros non deberiamos repetir?
Non pensar só en base ó sector terciario. Por suposto, é importante o eido comercial, pero sempre cunha base industrial que o acompañe. O erro fundamental que nos trouxo ata aquí é drenar recursos, cartos e capital da economía productiva e derivalos cara un modelo especulativo. Durante moitos anos, tivemos un modelo no que a riqueza non se creaba producindo, senón especulando. Agora estamos pagando as consecuencias e non debemos volver cometer eses erros. Eu non creo que viviramos por riba das nosas posibilidades. Pode ser que dende a administración pública se podía ter xestionado mellor, pero iso non quere dicir que foran as familias as causantes da crise.
Pasou boa parte da súa vida en Suíza e coñece ben a emigración. Que supón para unha persoa ter que coller a maleta e marchar?
No plano colectivo supón que perdemos unha xeración que, tanto a nivel familiar como social, custou moito formar. Inevitablemente isto provoca unha ruptura xeracional que ten consecuencias case irreparables no caso de Ourense. Aquí temos unha sociedade envellecida con poucas posibilidades de relevo e se os que poden xerar isto son os que marchan, prodúcese unha situación moi difícil de solucionar. No plano persoal, sobre todo cando marchar non é unha decisión voluntaria, senón forzada, supón a separación do núcleo familiar, dos amigos...

É manifesta unha ruptura entre a sociedade e a clase política. Como chegamos ata aquí?
Chegamos a esta situación, fundamentalmente porque as decisións máis relevantes para os cidadáns, tómanse fóra do ámbito das institucións elixidas democraticamente, que están sendo meras correas de transmisión. O actual é o momento no que máis falta fai a política, porque hoxe está secuestrada polos poderes económicos. É máis que nunca imprescindible. Pero os cidadáns teñen que distinguir entre quen está disposto a romper o modelo actual e que forzas políticas avogan por manter ese statu quo.

Son as primeiras eleccións trala fragmentación do BNG. Isto obriga a unha campaña diferente?
Está sendo diferente pero non por iso, senón porque a situación social e económica nunca estivera tan deteriorada como agora. Iso obríganos a manter un contacto máis directo aínda coa sociedade. Iso é o realmente diferente, aínda que tamén se produciu a interferencia dunha actuación xudicial que acaba mediatizando a campaña, sobre todo en Ourense. Falo da operación Pokemon.

Pero fixo que tivesen que focalizar os votantes ós que se dirixen?
Nós dirixímonos ás maiorías sociais, que son as que están padecendo as consecuencias da crise e sufrindo as medidas que se toman dende os gobernos, teoricamente para facerlle fronte á dificultade. Falamos para os traballadores, os empregados públicos, que viron recortado o seu salario máis dun 30% nos últimos anos. Tamén para os pequenos comerciantes e autónomos, ós que en contra do que se lles prometeu, estanlle subindo o IVE ou o IRPF. Tamén se están vendo afectados os pequenos empresarios, os pensionistas, os mozos, que en Ourense non teñen outra expectativa máis alá da emigración. Quen marca as nosas liñas é a propia situación económica e social.

Que conclusións están extraendo das enquisas?
Estannos indicando unha cousa moi clara e é que o PP pode perder a maioría absoluta. Hai que lembrar que ganaron hai catro anos por un puñado de votos. A perda desa maioría pasa por concentrar no BNG o voto progresista, nacionalista e galeguista das persoas que cren neste país. Os datos din que somos os únicos en condicións de arrebatarlle a maioría, sobre todo en Ourense. Hai que ter claro que dispersar o voto é igual que votar PP.

Non rexeitan volver formar goberno co PSdeG, pero teñen dito que non nas mesmas condicións. Que foi o que non funcionou no bipartito?
Temos dito que o noso obxectivo non é estar no goberno a calquera prezo. Hai dúas premisas fundamentais que se deben cumprir. Primeiro é que nunca estaremos nun goberno disposto a aplicar recortes como é o caso de Andalucía. Tampouco formaremos parte dun proxecto que non teña como primeiro obxectivo que Galiza teña capacidade para decidir sobre os seus sectores productivos ou a creación dun banco público para poñer ó servizo da economía. Só entraremos nun goberno que pivote sobre eses dous obxectivos.n

Te puede interesar