Adolfo Gacio renuncia ao salario de máis de 20.000 euros anuais que ía recibir do Concello de Boqueixón

Manterá 'polo momento' a súa acta de concelleiro e o seu sucesor á fronte da Alcaldía alega que se buscaba premiar a súa 'experiencia' política
O exalcalde de Boqueixón Adolfo Gacio comunicou este xoves a súa intención de renunciar ao salario de máis de 20.000 euros anuais que ía recibir do Concello malia non ostentar ningunha área específica de responsabilidade. Estaba previsto que esta proposta, que partiu do grupo municipal popular, se aprobase este venres en pleno, pero finalmente a súa votación retirarase da orde do día.

Así o confirmou a Europa Press o actual rexedor, o popular Jesús Sanjuás, quen substituíu a Adolfo Gacio, imputado no marco da 'Operación Pokémon', á fronte da Alcaldía desta localidade coruñesa. Sanjuás indicou que falou co seu antecesor e que este lle confirmou a súa vontade de renunciar a esta remuneración para non ser foco de ningunha 'polémica'.

Ao tempo, sinalou que 'respecta' a decisión do exalcalde, que se mostrou agradecido polo xesto do seu grupo, pero insistiu en que se manterá polo momento como concelleiro raso, sen ocupar ningunha área de responsabilidade e que o seu obxectivo é retomar a súa dedicación á docencia.

Sobre os motivos que levaron ao grupo popular a propoñer este salario, Sanjuás indicou que a súa intención ao articular unha dedicación parcial para o exrexedor ía 'máis alá do xesto' posto que o obxectivo era aproveitar a 'experiencia' de alguén que estivo 'moitos anos en política' e que se dedicase, sobre todo, 'ao asesoramento exterior'.

En concreto, fontes municipais consultadas por Europa Press explicaron que o expediente preparado para o pleno deste venres vinculaba a dedicación parcial 'de 1.619,34 euros mensuais' prevista para Gacio coa súa 'experiencia' política, especialmente no ámbito das relacións institucionais.


PRESIÓNS DO PARTIDO

As mesmas fontes deron por feito que tras a renuncia de Gacio se esconden presións do PP. Ao respecto, o presidente en funcións da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Nuñéz Feijóo, advertira este xoves que, de confirmarse a existencia deste salario, pediría explicacións ao PP coruñés.

'Terei que informarme e, se iso é así, falarei co PP de A Coruña porque non teño que un concelleiro sen dedicación teña un soldo', advertiu o xefe de filas do PPdeG, unhas horas antes da renuncia de Gacio.


'ENTRE TORRENTE E MORENO'

Pola súa banda, a oposición en Boqueixón criticou con dureza a proposta dos populares, sobre todo Anova, quen ironizou con que 'a estratexia do PP non ten límites'. 'Gacio dimite sen dimitir e, como premio, ofréceselle unha dedicación, sen ter ningunha área delegada,' subliñou, nun comunicado, o edil Xabier Canabal.

Na mesma liña, advertiu de que a 'Operación Pokémon' en Boqueixón 'vai en camiño de converterse nunha auténtica traxicomedia, entre a película de Torrente e o espectáculo casposo de José Luis Moreno.

'O alcalde na sombra, é dicir, o señor Gacio, convértese en José Luis Moreno e os concelleiros do PP son os seus bonecos ventrílocuos, ao estilo de Monchito, Macario e Rockefeller, pero con moi pouca graza,', resolveu Canabal.

Te puede interesar