O alcalde de Tui pide a Madrid e Lisboa que reconsideren o peche

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, dirixiu escritos aos gobernos español, galego e portugués para que reconsideren a decisión da empresa Comboios de Portugal de suspender o transporte ferroviario entre O Porto e Vigo, alegando motivos económicos.

O rexedor tudense mostra nun comunicado a súa preocupación pola medida, e propón que se oferte un servizo adecuado ás necesidades dos potenciais usuarios co fin de o facer rendíbel.

Nese sentido, propón ampliar horarios, 'creando un auténtico servizo ferroviario de proximidade' e potenciar Guillarei como estación de enlace coas liñas de longa distancia de España.

Moisés Rodríguez fai fincapé no feito de que o peche da liña privará a Tui de conexión por tren, e por iso decidiu solicitar ás autoridades dos dous países que mediten a decisión.

Nese sentido o alcalde enviou cartas aos presidentes de Comboios de Portugal e da Renfe; ao secretario de Estado das Obras Públicas, Transportes e Comunicacións de Portugal, ministro de Fomento español e conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas da Xunta 'para demandar unha reconsideración desta decisión'.

Nas misivas, Rodríguez Pérez achaca o déficit de viaxeiros na liña O Porto-Vigo ás 'moi deficientes condicións deste servizo, á súa excesiva duración temporal e aos intempestivos horarios que non dan un servizo axeitado ás máis de 5.000 persoas que diariamente cruzan esta antiga fronteira'.

Engade que 'os tempos de crise son tamén tempos de oportunidades, tempos de renovación e de busca de alternativas e estou convencido -di- de que unha oferta que responda ás necesidades de mobilidade dos cidadáns de Valença e Tui, do norte de Portugal e sur de Galicia, ten futuro e posibilitaría avanzar na cohesión transfronteiriza, un obxectivo estratéxico irrenunciábel'.

Finalmente, anuncia que estudará co seu colega de Valença do Miño medidas conxuntas 'para non nos vermos privados desta liña ferroviaria, especialmente no momento en que os municipios de Galicia e do norte de Portugal estudan a creación dun servizo de transporte colectivo que intercomunique ambos os territorios'.

Te puede interesar