DECLARAN INSUBMISIÓN

Os alcaldes do BNG non pagarán a suba do canon de Sogama

A formación pide "a devolución" da proposta da Xunta para interpretar a reforma local, que risca de "inapropiada".

Os alcaldes do BNG confirmaron que están "dispostos a aplicar a insumisión" nos concellos ante medidas como a suba do canon de Sogama ou o copagamento farmacéutico. En concreto, sobre a recollida de residuos, alegan que o seu contrato coa empresa pública indica que o prezo subirá co IPC.

Así, a opción será aboar as facturas con esta actualización do nivel de prezos, pero non co incremento de Sogama, que entrou en vigor o 1 de marzo e supón encarecer un 33,5% a factura.

Ademais, o BNG tachou en rolda de prensa de "absolutamente inapropiado" o borrador presentado pola Xunta para elaborar unha lei que interprete a reforma local e indicou que a súa postura na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) será "pedir a devolución" do texto por consideralo "inadecuado".

"O único que fai é concretar a aplicación dunha negativísima lei do Estado", criticou o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que cualificou a proposta de "lei parche". É, agregou, "un remendo que acepta o fundamental" da lei de racionalización e sostenibilidade da administración local.

O voceiro da formación afirmou que o BNG seguirá a liña da "insumisión total ás políticas estatais que erosionan, agriden e laminan os dereitos dos cidadanía". De feito, na rolda de prensa, na que compareceu co voceiro na Fegamp e alcalde de Allariz, Francisco García, referiuse a outro aspecto que a organización rexeita acatar: a suba do canon de Sogama.

Neste sentido, García criticou que o incremento do canon supón modificar o contrato entre a empresa e os concellos "de forma unilateral" e "non negociada".

Precisamente, a este respecto, recordou que varios alcaldes pretenden "levar adiante" a decisión de non pagar esta suba do canon, contando para iso con "informes legais". Deste modo, pagarían a factura co incremento do IPC, pero non co aumento dos prezos de Sogama.

MÁIS PROTESTAS

Ademais, os alcaldes críticos avanzaron que seguirán coas protestas - a última o pasado martes ante o Parlamento-, algo que reiterou Francisco García este xoves, e está aberta a vía de presentar un recurso contencioso contra a decisión de subir o canon, que se debe, dixo, a que deixa de percibir ingresos pola xeración de electricidade, non a un incremento dos custos de tratamento do lixo.

O voceiro do BNG na Fegamp criticou tamén a "habilidade" do PP de "botar a culpa sempre aos demais", ao ser preguntado polas declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que recriminou a nacionalistas e socialistas non poder pechar un acordo para que o incremento non se aplicase ata xullo.

"É RESPONSABILIDADE DO PP"

García considerou que houbo "un intento do PP de consolidar a suba con carácter definitivo" e que o acordo "se condicionaba a aceptar" ese incremento, polo que "non houbo marxe de negociación". "Non é responsabilidade nosa, é do PP", defendeu e considerou que os populares tratan de poñer "unha desculpa".

Ademais, o tamén alcalde de Allariz considerou que esta situación "pon de manifesto o fracaso de Sogama" e contradí as afirmacións de que "era o máis económico". Neste sentido, indicou que no seu municipio ensaian un sistema de compostaxe para reducir os residuos que ten que recoller a empresa pública.

En calquera caso, ante a postura da Xunta respecto a Sogama, indicou que o que farán os membros do BNG é "protestar" e "deixar ao descuberto as falacias do PP", que di que "fai máis con menos.

REFORMA LOCAL

García advertiu tamén de que a reforma local non é "inocua" para os cidadáns e de que está a ter xa "consecuencias moi prácticas" e impiden, por exemplo, poñer en marcha plans de emprego municipais.

O alcalde recordou que a Fegamp rexeitou de forma unánime a reforma local e considerou que "invade competencias propias" de Galicia e está "de costas ao municipalismo galego".

Por iso, volveu pedir á Xunta que presente un recurso de inconstitucionalidade contra a norma estatal e avanzou que a postura do BNG na Fegamp será de "cuestionamiento" da proposta do Goberno galego.

Pola súa banda, Vence agregou que a reforma local "ataca directamente a autonomía municipal" e establece criterios que se basean "unicamente na sostenibilidad financeira", co que está a "abrir as portas de par en par á privatización de servizos".

Te puede interesar