SANIDAD

Alertan de que o Álvaro Cunqueiro "non está preparado" para recibir pacientes

O voceiro da plataforma, Manuel Martín, reiterou que "é escandalosa" a redución de servizos e instalacións no hospital

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública alertou este mércores de que as instalacións do novo hospital Álvaro Cunqueiro "non están preparadas" para recibir nin a pacientes nin a traballadores, por falta de seguridade, ao tempo que volveu denunciar os recortes executados na infraestrutura, co obxectivo de incrementar os beneficios para a concesionaria deste "hospital privado".

Nunha rolda de prensa, o voceiro da plataforma, Manuel Martín, reiterou que "é escandalosa" a redución de servizos e instalacións no hospital, con menos camas, menos quirófanos, sen laboratorio central e con menos equipamentos para urxencias. Así, incidiu, "non se van resolver os principais problemas da área de Vigo: as listas de espera e a conxestión crónica das urxencias".

Por outra banda, insistiu en reclamar unha comisión de investigación sobre a cesión, por parte da empresa pública Galaria, da Oficina de Supervisión encargada de controlar a construción e a calidade do Álvaro Cunqueiro. Segundo denunciou, ese labor foi encomendado a unha empresa creada 'ad hoc' e propiedade dunha exalto cargo da sanidade madrileña vinculada co PP.

Nesa liña, Manuel Moreira sinalou que, unha vez iniciado o traslado ao Álvaro Cunqueiro, constatáronse problemas na infraestrutura (mala calidade nos materiais de construción ou instalacións deficitarias nos baños, entre outras cousas), e na propia xestión do traslado (como cambios de quendas ou falta de información), ademais do problema engadido do "afán de negocio", que se reflicte nos prezos do aparcamento, da cafetaría ou dos servizos de TV ou radio.

A Xunta de Persoal denunciou que, ademais de obrigar os pacientes a facerse resonancias nunha instalación móbil colocada fóra do centro, o Álvaro Cunqueiro "abre sen TAC" xa que, dos dous que hai, un segue no Xeral, e o outro, que foi adquirido recentemente, aínda non se instalou.

APARCAMENTO

Con respecto ao aparcamento, a Xunta de Persoal mantivo este mércores unha breve reunión coa conselleira Rocío Mosquera, aproveitando que realizou unha visita ao hospital. Nese encontro, segundo avanzou o presidente da Xunta, Anxo Cameselle (CC.OO.), o Sergas ofreceulles ampliar as 500 prazas de parking dispoñibles para traballadores, ou ben renunciar ás prazas reservadas a cambio dun desconto dun 30 por cento nos bonos mensuais (agora fixados en 40 euros).

"Non entendemos como, tendo un terreo pegado ao hospital, valado e que é do Sergas, non se abre para que aparque a xente", indicou Cameselle, quen lamentou que a consellería se escuse dicindo que esa actuación dependería da ordenación urbanística de competencia municipal.

MANIFESTACIÓN

Segundo Manuel Martín, as "presas" por abrir o hospital e "cumprir o cronograma" responden "non ao interese puramente sanitario, senón ao interese electoral", e insistiu en que a concesionaria "é a única beneficiaria" dos recortes e "copagamentos" que se están a aplicar.

Así mesmo, a Plataforma fixo un chamamento á cidadanía para que participe na manifestación do próximo 3 de setembro, que sairá ás 20.00 horas do Hospital Xeral, "en defensa da área sanitaria". "Este hospital ten que ser noso, de todos, e temos que facer un traballo para recuperalo", proclamaron os seus voceiros, os que advertiron de que o próximo goberno autonómico "terán que propoñer unha reforma integral deste modelo, que encarece o rescate (da concesión)".

Te puede interesar