GASTRONOMÍA

Algas con Ribeiro, a vangarda da cociña galega

O menú deseñado polo Grupo Nove tiña como base as algas recolectadas por Conservas Mar de Ardora e os viños de El Paraguas

O Grupo Nove, a vangarda da cociña galega, atreveuse cun menú a base de algas frescas da fábrica de Mar de Ardora en Ortigueira, harmonizado con viño ribeiro de varias anadas consecutivas das adegas El Paraguas Atlántico para levar ao padal a "harmonía atlántica".

"Vén motivada polas bondades de transmitir as bondades da Galicia máis atlántica ao mundo", explicaron os impulsores desta iniciativa, que nace da alianza entre a adega de Marcial Pita e Felicísimo Pereira, coa planta de algas que impulsan na costa ortigueiresa Alberto Sánchez de Toca Gusano e Sergio Baamonde, dous licenciados en Ciencias do Mar e Bioloxía Mariña, xunto a tres dos cociñeiros do Grupo Nove.

O menú atlántico foi presentado nesta semana en Ferrol, e saíu dos fogóns da Gabeira, propiedade de Miguel Campos, un dos tres xefes de cociña do grupo que se centraron no proxecto de combinar algas e uvas. Acompañárono na cociña Javier Olleros, de Culler de Pau e Juan Manuel Crujeiras, de La Estación, en Cambre (A Coruña) e Taki.

O menú deseñado polo Grupo Nove tiña como base as algas recolectadas por Conservas Mar de Ardora, que traballa o produto en fresco, deshidratado e en conserva, e os viños de El Paraguas, que ofreceu por primeira vez unha cata vertical de todas as anadas elaboradas de 2011 a 2014.

Estivo composto por cinco pratos que foron do consomé de auga doce, á cigaliña con trufa de mar, pasando pola ensalada mariñeira e as zamburiñas con emulsión de codium. O último prato, que chamaron bombón de pataca nova de San Xurxo con percebe e wakame, harmonizouse co viño Fai un sol de carallo 2013, un DO Ribeiro dunha edición limitada de 640 botellas cun prezo elevado en tendas especializadas.

"É unha ocasión única para presumir da calidade da materia prima galega fortalecida pola boa interpretación de catro dos cociñeiros máis determinantes do panorama galego", apuntaron desde a organización, que correu por conta de Marcial Pita (Ferrol, 1977), adegueiro asentado en Esmelle onde el e o seu socio, Felicísimo Pereira (Ribadavia, 1965) tratan de recuperar o branco lexítimo, unha variedade ancestral da zona de Betanzos que foi marxinada e cuxas sementes gardou o CSIC.

Te puede interesar