Política Lingüística desvincula o retroceso do decreto de plurilingüismo, que 'está a funcionar'

Os alumnos de Secundaria perden competencia en galego

Valentín García, nunha roda de prensa en Santiago. (Foto: XOÁN CRESPO)
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ratificou onte a existencia de estudios que constatan que a competencia lingüística dos alumnos de Secundaria é 'lixeiramente menor' en galego que en castelán, 'sen ser boa tampouco' a de lingua española, pero desvinculouno dos efectos do decreto do plurilingüismo e proclamou que este 'está a funcionar'. 'Non hai un retroceso destacable', sentenciou García na Comisión Institucional da Cámara autonómica, onde recordou que o novo decreto se aplica dende o ano 2010 e que 'a súa repartición de horario por materias e formación específica é moi parecida ao qu
'Non hai un retroceso destacable', sentenciou García na Comisión Institucional da Cámara autonómica, onde recordou que o novo decreto se aplica dende o ano 2010 e que 'a súa repartición de horario por materias e formación específica é moi parecida ao que decretaban decretos anteriores'.

Fronte ás duras críticas da deputada do BNG Ana Pontón, quen censurou 'a política lengüicida' do Goberno de Feijóo, o alto cargo galego admitiu que hai 'moito que perfeccionar' no traballo dos centros e que a Xunta traballa para 'sentar unha nova base de competencias lingüísticas', consciente de que o decreto obriga a súa avaliación.

En canto ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), interpretou que lonxe de 'debilitar' o texto legal o 'reforza' porque 'só anula dous parágrafos' e avala 'o 95 por cento restante'. Neste sentido, recordou que, para cumprir o fallo, a Xunta remitiu unha instrución aos centros no que se situaba como factores para fixar a lingua determinante en Educación Infantil o resultado da pregunta aos pais, a realidade sociolingüística de cada centro e a garantía da 'presenza das dúas linguas'.

Ao tempo, preguntouse 'que ten de malo consultar aos pais' e subliñou que o decreto do bipartito tamén aludía 'á información achegada polos pais', así como normas anteriores, aínda que se cumprise con este precepto 'con máis ou menos intensidade', en función da época. 'Preguntámoslles pola enfermidade e polas alerxias, ¿por que non pola lingua que falan nas súas casas?', preguntou García, entre acusacións de 'demagogo'.


'MELLORABLE'

'Non son demagogo, son un lingüista que agora ten a responsabilidade de ser secretario xeral de Política Lingüística', replicou, para engadir que 'é importante' contar coa información que achegan os pais e que 'en todas as sociedades plurilingües se fai a pregunta de cál é a lingua materna'. Por último, admitiu que o decreto do plurilingüismo, 'como todo, pode ser mellorable', pero insistiu en que 'está a funcionar' e que só se poderá mellorar actuando 'dende o consenso e a cordura'.

Dito isto, sinalou que, aínda que o decreto garante 'o equilibrio' idiomático e incorpora o inglés, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo 'nunca se cansará de tender a man', pero reafirmouse en que o 'consenso' sobre o idioma ten que saír do Parlamento porque 'na sociedade xa o hai'.

Fronte a iso, a parlamentaria do BNG Ana Pontón esgrimiu que o decreto do plurilingüismo 'non só ten aspectos ilegais, senón que é letal para o galego' e convérteo 'nunha lingua marxinada'. 'Só un 5 por cento das aulas de infantil danse en lingua galega e o decreto tamén marxina o idioma no resto de etapas educativas', remarcou, convencida de que o PP 'perdeu unha oportunidade'.

Te puede interesar