Apoio do PSOE de Lugo e Besteiro a Orozco mentres que o BNG observa unha 'certa tibieza' nos socialistas

O alcalde do Lugo, o socialista Xosé Clemente López Orozco, recibiu este mércores o apoio explícito do seu grupo municipal e do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, quen defendeu a 'inocencia' do rexedor ante as informacións que apuntan presuntos subornos no marco da 'Operación Pokémon', investigación sobre unha suposta trama de amaño de concursos públicos. Non obstante, o BNG, exsocios de goberno local, critican a postura de 'certa tibieza' dos socialistas e piden axilidade á xustiza.
'Creo na súa inocencia, creo en Orozco e apoio a Orozco nestes difíciles momentos', manifestou Besteiro durante unha comparecencia para dar a coñecer un encontro dixital no Pazo provincial de San Marcos.

Así, reflexionou 'sobre este constante goteo de informacións interesadas que o que fan é colocar as persoas nunha situación de permanente indefensión'. 'Onte -engadía- o alcalde tivo que acudir ao xulgado para recibir información sobre esta cuestión. Isto dana a honorabilidade das persoas e mesmo pode prexudicar a investigación'.

Besteiro alertou do 'coidado que hai que ter' con 'este constante goteo de informacións interesadas, que colocan ás persoas nunha situación difícil de permanente indefensión e de ter que estar a proclamar constantemente a súa inocencia'.

'En todo caso o meu apoio persoal, sincero á persoa do alcalde Orozco. Creo na súa inocencia, creo en Orozco e apoio totalmente a Orozco', abundou o tamén aspirante a liderar o PSdeG, o cal, precisamente, recibiu xa o apoio público de Orozco.

APOIO DO GRUPO SOCIALISTA
Pola súa parte, o voceiro socialista no concello de Lugo, Luis Álvarez, asegurou que o PSOE local ten 'absoluta confianza' na inocencia do alcalde.

'Resúltanos absolutamente inverosímil pensar que este señor en calquera momento da súa vida política recibise ou quedase cun solo euro procedente dunha actividade delituosa', incidiu Álvarez durante a rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.

Así mesmo, asegurou que non existe congruencia entre as sospeitas da xuíza e o feito de que o alcalde 'levase este concello a un nivel de transparencia que non ten competidor directo nesta comunidade autónoma'.

'Este alcalde fixo que nas xuntas de compra e mesas de contratación, que é onde decídese qué paga o ayuntamientno e qué servizos se contratan, estean todos os partidos políticos que forman parte da corporación e, polo tanto, francamente resulta un pouco incongruente que se dean simultaneamente ambas as dúas cousas', resolveu

O BNG PIDE 'ACLARACIÓN RÁPIDA' DA XUSTIZA
Dende a oposición, o voceiro do grupo municipal do BNG, Antón Bao, pediu axilidade á xustiza para evitar 'este continuo sobresalto no que está sumido o Concello de Lugo semana tras semana'. 'É necesaria unha aclaración rápida', demandou.

'Cremos que non debe haber condenas públicas sen xuízo, pero aínda presumindo a inocencia de todo o mundo, hai que falar de política', introduciu o dirixente nacionalista, quen asegurou que, para o BNG, 'cada pau debe aguantar a súa vela'.

'Nun momento determinado decidimos marchar do goberno local, e pedir a súa dimisión, porque creemos que nestas situacións hai que asumir cuestións políticas', rememorou.

En opinión de Bao, hai sombras políticas 'que se están a converter en lousas', e instou o PSOE a 'ir pensando que facer de cara ao futuro, porque a pesar de determinadas manifestacións, hai certa tibieza'.

Te puede interesar