O home tamén queda absolvido de exhibicionismo e provocación, ao igual que a súa parella

A Audiencia absolve un home por suposta agresión sexual continuada á súa sobriña menor de idade

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu a J.M.M.D. dun delito de agresión sexual continuada á súa sobriña, menor de idade, e tamén doutro de exhibicionismo e provocación sexual. Do mesmo modo, a súa parella, M.T.L.G, tamén quedou absolvida do delito de exhibicionismo e provocación do que estaba acusada.
A menor denunciara unha serie de episodios supostamente realizados polo seu tío e consistentes en abusos e tocamentos. Na sentenza cítase, entre outros, o caso dun paseo por na praia de Canido en xullo de 2009 onde supostamente a menor quedaría co peito ao descuberto, se ben se indica que non quedou 'suficientemente probado en qué circunstancias iso se produciu e cál foi o comportamento' de J.M.M.D.

Tamén fai alusión a outro episodio no que, segundo a denunciante, o seu tío e a parella deste manterían relacións sexuais en presenza dela e dunha amiga cando estaban no dormitorio de J.M.M.D., e considera que isto tampouco quedou probado, descoñecéndose se a parella de adultos 'puido superar nalgún momento os límites da normalidade' na expresión da súa recíproca afectividade'.

Así mesmo, tampouco se considera probado que se producise un abuso nunha mañá en que a sobriña se meteu en cama do seu tío ao espertar con medo por un pesadelo.

A sentenza considera ademais que 'tampouco resultou probado un actuar de forma continuada e dilatada no tempo' por parte do tío, 'con ánimo de satisfacer o seu instinto sexual, con aproveitamento da súa relación de parentesco, influencia e convivencia' coa menor.

CREDIBILIDADE
Na resolución xudicial considérase que a declaración da sobriña é de 'escasa credibilidade' e, no caso do acontecido no dormitorio do tío, indica que as versións da menor e da súa amiga difiren 'en aspectos importantes'.

Por todo iso, a sentenza, que pode ser recorrida, considera que 'ante unha proba non concluínte' a cuestión da autoría dos acusados debe ser resulta 'dende a perspectiva do 'in dubio pro reo', que está intimamente conectado co dereito á presunción de inocencia. 'En virtude deste dereito ninguén pode ser condenado por un feito do que o Tribunal non estea convencido da súa certeza', conclúe.

Por iso, absolve os dous acusados, para os cales Fiscalía e acusación particular pedían penas de cárcere. Concretamente, o Ministerio Fiscal solicitaba para J.M.M.D. 9 meses de prisión por exhibicionismo e 15 anos por agresión sexual; mentres que para M.T.L.G. solicitaba 9 meses polo primeiro dos delitos.

Pola súa banda, a acusación particular pedía 15 anos de prisión por abusos sexuais e un ano por exhibicionismo para o tío da menor, mentres que para a parella deste home solicitaba un ano de prisión por exhibicionismo.

Te puede interesar