Axudas mensuais para apoiar ás vítimas de violencia de xénero

photo_camera Galicia dispón de máis de 40 recursos destinados a axudar ás mulleres que sofren violencia de xénero.
As contías van dos 200 aos 800 euros ao mes en función dos ingresos, os menores ao cargo e a discapacidade

Galicia dispón de máis de 40 recursos e axudas destinadas a apoiar ás mulleres que sofren violencia de xénero. Esta rede galega de apoio reúne recursos de tipo psicolóxico, social, xurídico, económico, laboral, de aloxamento e  de protección. que se poden consultar na dirección http://igualdade.xunta.gal.

A Xunta segue a apoiar ás vítimas da violencia de xénero con axudas económicas de carácter mensual, de entre 200 e 800 euros, co fin de que poidan gañar independencia económica dos seus agresores. O Goberno Galego ven de aprobar a consignación de máis de 5 millóns de euros de fondos autonómicos -cifra ampliable en función das necesidades-  para facer fronte durante 2022 e 2023 a estes pagos periódicos. Galicia é a única Comunidade que ofrece estes apoios ás vítimas da violencia de xénero, por outra banda, fundamentais, para que as mulleres avancen no camiño da súa recuperación. 

A administración autonómica aprobou a convocatoria para 2022 das axudas económicas de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Estas axudas poden solicitarse en calquera momento do ano e contan cun orzamento ampliable en función das necesidades. 

A liña ten como potenciais beneficiarias ás mulleres vítimas de violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano, ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria. 

A Xunta quere garantir que as mulleres vítimas da violencia de xénero conten cunhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor e, no caso das vítimas de trata co fin de explotación sexual, da persoa que mantivera sobre elas unha relación de dominación. Trátase de que conten con ferramentas para dar o primeiro paso de ruptura cunha situación na que corren perigo.

A convocatoria diríxese a mulleres maiores de idade ou emancipadas que sexan vítimas de violencia de xénero ou vítimas vicarias nunha relación de convivencia ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia respecto da persoa que mantivera sobre ela unha relación de dominación. 

Para acceder as contías mensuais, as beneficiarias teñen que ter rematada a convivencia co agresor dentro dos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude. Ademais de estar empadroadas e ter residencia efectiva na Comunidade -permiso de residencia, no caso das mulleres estranxeiras- deberán acreditar uns ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do  IPREM vixente e non ter percibido esta axuda con anterioridade. 

A axuda consiste nun pago mensual destinado directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade vai dos 200 euros aos 800 euros mensuais, en función dos ingresos da beneficiaria, dos fillos ou fillas menores (ou menores en acollida) que teña ao seu cargo e de circunstancias como a discapacidade.

Entre 2009 e 2021 o Goberno autonómico destinou case 40 millóns de euros para o mantemento destes pagos mensuais, triplicándose a contía destinada a este fin (pasouse de 1,4 millóns do programa 2009-2010 a máis de cinco da convocatoria 2022-2023). 

Co paso dos anos foron tamén aumentando número de beneficiarias, que fan un total 5.231 nos últimos once anos. A estas alturas de 2021, antes de que remate o ano, contabilízanse 531. 

As axudas periódicas constitúen unha das medidas principais coa que a Xunta dispensa aoio económico ás vítimas da violencia de xénero, para as que se dispoñen ademais outras tres liñas de apoio importantes como son as de pago único, dirixidas ás mulleres con dificultades na busca de emprego; as de indemnización, que garanten que perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial; e as destinadas de xeito específico a mulleres gravemente feridas, orfos/as e a vítimas da violencia vicaria. 

OUTRAS AXUDAS ECONÓMICAS

- Axudas pago único para apoio ás mulleres con especiais dificultades para a busca de emprego e a súa inserción laboral. A contía oscila entre a equivalente a 6 meses ata 24 meses do subsidio por desemprego vixente (en 2021, 451 euros) nunha única achega.

-Indemnizacións: garántese a percepción das indemnizacións cando correspondan por sentenza, ás mulleres en situación de violencia sexista, previa constatación xudicial de que non están a percibilas.

-Axudas para as vítimas gravemente feridas e aos orfos, que ofrece un programa completo de asistencia integral cara a súa recuperación.

-Axudas para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero en entidades locais. A Xunta financia aos concellos a contía necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas das mulleres contratadas, ata un máximo de 12 mensualidades.

-Axudas para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero en entidades sen ánimo de lucro.

-Axudas á mobilidade xeográfica: : O importe máximo das axudas para cubrir os gastos xustificados de transporte de mobiliario e enseres e de gardaría e atención a persoas dependentes será 4 veces o Iprem vixente. 

Te puede interesar