AUTONÓMICAS 2016

Beiras quita importancia ao candidato da marea para as autonómicas

photo_camera O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras.

O histórico líder do nacionalismo galego afirma que o fundamental é "o que se vota" e non tanto "a quen". Aclara a súa postura despois de non descartarse para encabezar unha papeleta

O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, destacou que o "fundamental" é que a cidadanía saiba "que vai votar" nas próximas eleccións autonómicas e "non a quen" e asegurou que el fará "o que considere oportuno" nese momento.

Así pronunciouse este xoves ao ser preguntado en rolda de prensa sobre se estaría disposto a liderar a candidatura de confluencia que as forzas que participaron en En Marea presenten para concorrer aos comicios previstos para o mes de outubro se non se produce un adianto.

"O importante, neste momento, é que fagamos moi ben a reformulación do que foron as mareas municipais primeiro e En Marea despois, que sexa realmente un proceso moi aberto no que se integren todas as mareas e as candidaturas de unidade popular, porque se iso se logra, a potencia é impresionante", asegurou.

Neste sentido, insistiu na necesidade de que esta nova formulación de En Marea ofreza aos cidadáns candidaturas elixidas "democraticamente polas bases". "Pero antes que iso, os cidadáns teñen que saber o programa de goberno... que van votar e non a quen", apuntou.

"A cuestión non é se Beiras vai ser ou se feixón vai ser candidato, que máis dá", insistiu para incidir en que el fará "o que considere oportuno". "E xa dixen que non é verosímil --a súa presentación-- porque son responsable, se na idade que estou e cáles son as miñas enerxías".

ADIANTO ELECTORAL

Por outra banda, sobre a posibilidade de que se produza un adianto electoral, Beiras recoñeceu que "non descarta" esta cuestión porque "a xente que está en política, coa intención de amolar a outros, pode facer calquera cousa". "Dende andar de paseo con narcos a dicir que non vai adiantar as eleccións e ao día seguinte facelo", apuntou.

Deste modo, tras expresar que "esta xente como Alberto Núñez Feijóo non debería estar en política por inmoral", deixou claro que Anova xa traballa "para que se veñen as eleccións" les "pille traballando" ou "co traballo feito".
 

Te puede interesar