Blanco confesa sentirse 'doído persoalmente' porque Dorribo lle 'xogou unha mala pasada' coas súas 'falsas acusacións'

Foto: EFE
O ministro de Fomento e cabeza de lista do PSOE por Lugo, José Blanco, confesou que se sente 'doído persoalmente' porque o empresario Jorge Dorribo, o principal imputado na coñecida como Operación Campión, lle 'xogou unha mala pasada', ao verquer contra el 'unhas falsas acusacións' en relación a un suposto cobramento de comisións ilegais a cambio de interceder ante ministerios para obter subvencións ou axilizar trámites.
'Eu sempre fun unha persoa próxima, sempre tratei de axudar a aquilo que podía supoñer progreso, benestar ou creación de emprego para esta provincia e esta persoa xogoume unha mala pasada, aínda que iso non me preocupa porque non hai nada mal', afirmou Blanco nunha entrevista concedida á Cadena Ser Radio Lugo e recollida por Europa Press.

Blanco cualifica como 'unha circunstancia estraña' o que está a acontecer. 'O único que fixen foi escoitar unha persoa que quería presentar un proxecto a un ministerio', afirmou acerca da reunión que mantivo nunha área de servizo de Guitiriz (Lugo).

Malia que o tamén voceiro do Goberno recoñeceu que esta foi 'unha campaña difícil', precisamente pola polémica na que se viu envolvido polas 'falsas' acusacións contra el, José Blanco mostrouse convencido de que 'ao final a verdade prevalecerá sobre a mentira'.

'O tempo dirá quen me difamou e sobre el recaerá o peso da lei', proclamou. 'Entrementres é unha campaña distinta e, neste sentido, máis difícil', concluíu.

Te puede interesar