Blanco ofrece a Besteiro 'conducir xuntos' o PSdeG

O deputado socialista e ex ministro José Blanco afirmou onte en Lugo que é 'compatíbel' co secretario provincial do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e engadiu que 'podemos sumar e conducir xuntos, moito mellor, o Partido Socialista no obxectivo que ambos compartimos, que é ser maioritarios en Galicia'.
Neste sentido, admitiu, nunha comparecencia de prensa na sede do partido en Lugo, que 'para ser maioritarios en Galicia hai que reconectar con moita xente que nos abandonou, con moita xente que desexa que teñamos unha ollada posta na xente e aí ten que estar todo o mundo, vellos e mozos'.

Blanco recalcou que se trata de que 'todos sumemos, desde (Fernando González) Laxe até Ricardo Varela, desde (Emilio Pérez) Touriño até Javier Losada, por pór só algúns exemplos, pasando polos nosos alcaldes e certamente sempre coa ollada posta nos militantes deste partido, que son o motor que dá sentido á nosa razón de ser'.

Non obstante, o exministro de Fomento considerou que non é o momento para 'debater sobre as persoas até que non sexa convocado o congreso', xa que o calendario estabelecido pola executiva 'determina por onde ten que ir o enfoque do debate político para reconectarnos coa sociedade e facer un proxecto máis atractivo'. Dixo que ten 'na cabeza' un bosquexo 'de cinco eixes sobre os que debe pivotar a reconstrución do novo proxecto, que non desvelou.

Te puede interesar