Blanco reclama un "cambio de rumbo" ante os datos sobre evolución do paro

O ex-ministro de Fomento José Blanco, candidato do PSdeG-PSOE ás eleccións europeas, opinou hoxe que os datos divulgados hoxe sobre a evolución do desemprego en España son a "constatación" do fracaso da reforma laboral e avogou por "un cambio de rumbo".

Blanco reclamou, nunha conferencia de prensa, un xiro de "180 graos" na política económica para que, esta volva pivotar sobre as persoas e o seu benestar.

"A xente non é un pano de usar e tirar, non é un dano colateral", remarcou o candidato a eurodeputado, ante a "drámatica" situación que sofre España, e en concreto Galicia, que "vai camiño de desangrarse polas veas abertas do paro e a emigración", subliñou.

O ex-ministro pediu "frear esta sangría" que supón, no último trimestre 184.600 empregos menos, e lamentou que, a pesar diso, os presidentes do Goberno central, Mariano Rajoy, e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se conformen, "non é tolerable" apostilou.

De acordo con iso, o candidato galego anunciou as medidas en materia de emprego do programa electoral para os comicios europeos, que inclúen un plan de financiamento "equivalente ao 1% do PIB da Unión Europea" destinado a "incrementar a capacidade innovadora e competitiva" dos sectores sostibles e renovables.

Blanco tamén fixo especial fincapé no desemprego xuvenil e sinalou que os socialistas propoñen "triplicar" os fondos da garantía de emprego para a mocidade, ampliando así ata 21.000 millóns de euros o orzamento neste ámbito, que actualmente é de 6.000 millóns de euros.

Sinalou que a "lacra do paro" afecta a todos os grupos de idade, polo que subliñou que propón medidas destinadas a todos e que debe ser igualmente "prioritario" ocuparse do desemprego que afecta a parados de longa duración, fortalecendo o Fondo Social Europeo para ofrecer oportunidades e traballo digno a este colectivo.

Blanco tamén asegurou que os socialistas impulsaran unha axenda social contra a desigualdade, que resultou agravada por "medidas de austeridade aplicadas" que "abriron máis a brecha" entre ricos e pobres no continente europeo.

Nesta liña, tamén avogou por establecer un plan europeo para erradicar as situacións de pobreza nos estados membros da Unión.

Blanco abordou tamén medidas comúns a todos os socialistas europeos, entre a que destacou a fixación dun marco de salarios mínimos que asegure a todos os traballadores un soldo digno e suficiente.

Así, apuntou que desde que o PP está á fronte do Goberno, o salario mínimo "conxelouse tres veces, algo que nunca acontecera".

Por último, Blanco debullou medidas de loita contra a "prea" do sistema como iniciativas para acabar cos paraísos fiscais e para reducir a evasión fiscal, ou poñer en marcha a taxa sobre transaccións financeiras e reforzar a fiscalidade da riqueza.

Nese sentido, suxeriu unha serie de medidas e recoñeceu que é unha axenda "ambiciosa pero factible", ademais de necesaria e agregou que "se algún territorio a necesita, ese é Galicia".

Te puede interesar