O BNG denuncia que continúa a repartición do panfleto prohibido en Lugo

O BNG presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil de Navia de Suarna para poñer en coñecemento das autoridades que continúa a repartición do 'panfleto' prohibido onte pola Xunta Electoral de Zona de Lugo ao considerar que se trataba de 'propaganda electoral non autorizada'.
(Actualiza a noticia coa clave GL5065 por conter máis información)

Así mesmo, o partido nacionalista puxo estes feitos en coñecemento da propia Xunta Electoral Provincial de Lugo, á que advirte de que a repartición do citado planfleto segue realizándose non só en Navia de Suarna, senón tamén en Sarria e en Foz.

Por iso, o BNG pídelle á Xunta Electoral 'que adopte as medidas necesarias' para facer cumprir a súa propia resolución e 'paralizar a devandita repartición que están realizando en toda a provincia de Lugo diversas empresas'.

Ademais, os nacionalistas tamén reclaman que 'se identifiquen os responsables 'e que se esixan as responsabilidades derivadas desa repartición ilegal de propaganda'.

Na denuncia que presentou o BNG ante a Garda Civil de Navia, que ía acompañada de fotografías para demostrar que o reparto do 'anónimo' continúa, os nacionalistas piden 'as investigacións pertinentes para dilucidar a identidade das persoas que estaban realizando esa repartición'.

Ademais, o Bloque solicítalle á Garda Civil que 'confisque' o panfleto e 'traslade á Xunta Electoral de Zona da Fonsagrada, á Xunta Electoral Provincial de Lugo e ao Ministerio Fiscal as actuacións realizadas'.

A repartición do panfleto 'anónimo' foi denunciado tanto polo BNG como polo PSdeG-PSOE ao considerar que fora redactado en termos 'inxuriosos' para os seus representantes no goberno bipartito da Deputación de Lugo.

Te puede interesar