O BNG esixe que se poida abortar en todas as áreas sanitarias e que se ofreza ás mulleres información 'imparcial'

Foto: EUROPA PRESS
A vicevoceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, denunciou este venres que as mulleres non poden abortar en todas as áreas sanitarias de Galicia, senón que unicamente se levan a cabo interrupcións do embarazo en Vigo e A Coruña a través de 'derivacións a clínicas privadas'. Do mesmo xeito, acusou á Xunta de non proporcionar información 'neutra' ás demandantes, senón datos sobre 'a Rede Madre'.
Fronte a esta situación, en rolda de prensa, a parlamentaria nacionalista anunciou que 'en breve' se debaterá no pleno da Cámara unha iniciativa súa encamiñada a 'solucionar estas deficiencias', que parten, ao seu xuízo, de 'posicións políticas do PP' que acusou de 'retrógradas' e de 'paso atrás' nos dereitos das mulleres.

Outro aspecto no que fixo fincapé é que tampouco se está a ofrecer ao persoal sanitario 'educación e formación' sobre saúde sexual e reprodutiva, de modo que considerou necesaria 'unha rectificación' neste tipo de políticas que afectan 'á 'liberdade e os dereitos das mulleres'.

Enmarcou esta forma de proceder na intención do PP de derrogar a Lei do aborto en caso de acceder a La Moncloa, pero advertiu de que 'atacar esta lexislación' vai en dirección contraria ás medidas de 'saúde pública', como así recoñece tamén a Organización Mundial da Saúde (OMS). E é que, de non existir esta normativa, os abortos se practicarán en condicións 'non seguras', xa que se porán 'barreiras económicas'.

A maiores, Pontón reclamou información sobre o custo das derivacións dos abortos a clínicas privadas, en lugar de atender nos centros públicos 'as necesidades das mulleres'.

REDUCIR O NÚMERO DE ABORTOS

Tras constatar que o número de abortos non se viu incrementado dende a entrada en vigor da lei, a deputada da formación frentista mostrouse partidaria de 'reducir o recurso' á interrupción voluntaria do embarazo a través de políticas educativas en materia de contracepción.

Dito isto, reprobou que a actual Xunta 'desmantelou' a rede de 'Centros Quérote' mentres se opón, da mesma forma, ao uso da pílula postcoital. 'Iso evitaría embarazos non desexados e abortos', sentenciou.

Te puede interesar