O BNG leva ao Congreso a contaminación do Miño por partículas de plásticos

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentaria para demandar ao Ministerio de Ambiente que adopte medidas 'ante a preocupante contaminación por plásticos que rexistra o río Miño'.

A deputada nacionalista pon de manifesto que diversas organizacións ecoloxistas denunciaron a presenza de miles de plásticos no Miño.

Explica Davila que se trata dun tipo de contaminante producido 'polos denominados biosoportes, 'carriers ou camemberts', pezas minúsculas, que non chegan ao centímetro de tamaño e que se usan na depuración para o tratamento de augas residuais municipais, na industria agroalimentaria ou en piscicultura, explica.

A parlamentaria demanda ao Ministerio que se investigue a procedencia destas partículas e que o problema sexa abordado a partir de diversas perspectivas.

'Por un lado -indica-, emprendendo unha actuación de rexeneración e limpeza do río, e, por outro, unha mudanza nos elementos que utilizan as depuradoras municipais, as industrias ou a piscicultura que non sexan tan agresivos'.

Alén diso, Davila sinala que os últimos temporais empeoraron a situación porque existe unha acumulación dos plásticos en determinadas áreas como en Tui ou na comarca do Baixo Miño.

Te puede interesar