O BNG leva ao Parlamento unha iniciativa para que a Xunta revogue a orde que 'eleva o prezo' da vivenda

Denuncia que pode incrementarse a taxación ata un 65 por cento

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) leva ao Parlamento unha proposición non de lei á Cámara para reclamar que á Xunta que revogue a orde publicada este mes de agosto e pola que 'se eleva o valor dos bens inmobles nun 30 por cento'.

En rolda de prensa, o deputado Fernando Blanco e o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, presentaron esta iniciativa que se debaterá previsiblemente no período de sesións que comeza agora en setembro e na que se insta ao Goberno galego a 'derrogar e deixar sen efecto a orde da Consellería de Facenda do 28 de xullo de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos na Comunidade Autónoma para os exercicios 2010 e 2011'.

Durante a súa intervención, o parlamentario voceiro da área económica incidiu en que esta medida 'non é razoable', xa que eleva o prezo da vivenda, malia que este baixou no primeiro trimestre do ano un 3 por cento e, nos últimos tres anos, foi caendo.

Para o deputado nacionalista, a orde da Xunta 'só ten un obxectivo', que é o de 'recadar a calquera prezo e calquera prezo', algo que rexeitan os nacionalistas galegos, que piden que a presión fiscal sexa para os que máis teñen.

Neste sentido, referiuse á noticia de que multimillonarios propuxeron que se lles aumenten a eles os impostos nestes momentos de crise, algo ao que tamén se referiu Guillerme Vázquez para chamar a atención dos gobernos e de que están a facer o contrario.

O líder nacionalista tamén reprochou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que 'incumpre' o seu pacto con Galicia, xa que 'nos 14 mandamentos cos que se presentou ás eleccións se comprometía a non subir impostos'. 'Volve incumprir as súas promesas electorais', reprochou.

Deste xeito, advertiu de que o Bloque 'dará o debate público e parlamentario', así como levará aos concellos senllas mocións para pedir a retirada desta orde, que segundo explicaron os dirixentes do Bloque, pode provocar 'unha suba de ata o 65 por cento nas taxacións dos inmobles'.

BNG A CORUÑA

Precisamente, no ámbito local, o voceiro do BNG da Coruña, Xosé Manuel Carril, denunciou este mércores que se incrementarán os impostos á cidadanía coruñesa a raíz desta orde, e sinalou as contradicións da orde.

'Os valores de taxación non se corresponden co actual contexto de crise de mercado', dixo, ademais de 'que se pon de manifesto nos prezos da vivenda que se sitúa en niveis do 2006'.

Por todo iso, os nacionalistas esperan que o Parlamento de Galicia apoie a proposición non de lei presentada polo BNG para corrixir esta suba do valor medio.

O MAIOR VALOR

Por outra banda, Carril comentou que A Coruña é a cidade de Galicia con maior valor zonal medio por vivenda, con cifras moi superiores ao resto de concellos galegos.

E é que, os valores medios do concello da Coruña (984,38 euros por metro cadrado) case triplican aos de Ferrol (337,50) e os de Pontevedra (344,44) e duplican os de Lugo (471,43). Tamén superan os valores medios de Ourense (595,45), os de Vigo (750) e os de Santiago (771,43).

Te puede interesar