GALICIA

Caballero di que os que dormen na rúa "non queren" utilizar albergue

caballero
photo_camera Abel Caballero, alcalde de Vigo.

O primeiro edil incidiu, nunhas declaracións aos medios, en que durante a noite de onte "había prazas baleiras no albergue" municipal que "ninguén solicitaba"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, respondeu perante as acusacións de "falta de sensibilidade" vertidas polo candidato do BNG ás próximas eleccións municipais, Serafín Otero, afirmando que na cidade "ninguén dorme na rúa" e que quen o fai é porque "non quere durmir no albergue".

O primeiro edil incidiu, nunhas declaracións aos medios, en que durante a noite de onte "había prazas baleiras no albergue" municipal que "ninguén solicitaba", un feito que demostra, na súa opinión, que "neste momento ninguén dorme na rúa de Vigo querendo durmir nun lugar cuberto".

Así respondía Caballero perante as declaracións de Serafín Otero apuntando á súa "falta de sensibilidade" por anunciar "corenta novas humanizacións mentres a xente continúa padecendo unha verdadeira emerxencia social".

O alcalde replicou que "o BNG xa abandonou a cidade e está en campaña electoral" e lembrou que o partido nacionalista na cidade "está á orde doutros, non apoia o aeroporto de Vigo, non quere parques infantís e non quere bolsas de inglés".

Rememorou, ademais, que durante o mandato de Lois Pérez Castrillo "había máis de 200 nenos en lista de espera para bolsas comedor", que "non atendía os despexos" e que "dedicaba a axudas de emerxencia social 425.000 euros" cando agora se destinan para ese fin "2,6 millóns".

Así as cousas, o alcalde dirixiuse "por primeira e última vez" a Otero e instouno a "que vexa xente durmindo na rúa" durante as súas visitas ao Concello de Pontevedra para "recibir ordes do que facer en Vigo".

"Que vexa xente durmindo na rúa e que lle faga unha manifestación ao alcalde de Pontevedra", finalizou o edil despois de declarar que "o que manda no BNG de Vigo" é o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores.

Te puede interesar