CIG-Ensino anuncia mobilizacións para protestar pola 'ansia privatizadora' da Xunta

O sindicato CIG anunciou mobilizacións contra a 'ansia privatizadora que vén demostrando a Consellería de Traballo e Benestar Social', como se deriva dos plans privatizadores das cinco escolas infantís que deben comezar a funcionar o próximo mes de marzo en toda a comunidade autónoma, entre elas a de Monteporreiro en Pontevedra.
Nunha rolda de prensa en Pontevedra, os delegados de CIG-Ensino afirmaron que esta proposta é un 'ataque directo ao ensino público', dende os seus primeiros niveis'.

Non obstante, o director do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, asegurou asegura que as taxas non se subiron dende hai dez anos, e que a medida ten moi en conta o momento actual de crise.

'É certo que se está a tramitar un novo decreto que está a revisar uns prezos públicos que permanecían invariable dende 2002', confirmou o director do Consorcio, ao tempo que sinalou que 'este curso permanecerán invariables estes prezos'.

'É importante sinalar que practicamente ao 50 por cento das familias que asisten aos nosos centros non lle vai afectar esta suba de prezos porque todas aquelas familias que teñan rendas que non exceden de 1.500 euros mensuais en global non van sufrir ningún tipo de variación', explicou.

O director do Consorcio tamén comentou que 'isto en absoluto quere dicir' que se trate 'de privatización'. 'Falamos en todo caso dunha escola infantil pública, cun acceso público, cunha baremación pública, e cuns prezos públicos, prazas publicas, simplemente estase a acudir a unha modalidade de xestión de servizos públicos', matizou o director.

CALIDADE DO SERVIZO

En todo caso, para o sindicato CIG caen 'polo seu propio peso' os argumentos que utiliza a Xunta para xustificar o que considera unha privatización porque 'nunca sairía máis barato para as arcas autonómicas, e non mellora a calidade do servizo, posto que se marxina os profesionais que se prepararon, e opositado e esperan estas prazas'.

Para a CIG esta 'privatización' só se entende como unha 'mala' interpretación do que debe ser un servizo público. Esta proposta coincide, e para a CIG non é causalidade, segundo indicou, cunha suba do 20 por cento nas taxas das escolas infantís.

Por iso, o sindicato nacionalista anunciou, fronte a estas medidas, mobilizacións e outras protestas, que, ata o momento, non foron concretadas.

Te puede interesar