A CIG sostén que Normalización impide comprar libros en galego

O sindicato CIG-Ensino alerta de que os gabinetes provinciais de Normalización Lingüística enviaron unhas instrucións aos centros escolares onde se indica que 'non se van aboar os gastos de material inventariable' e fan fincapé en que o material que se adquira 'non pode producir os seus efectos en exercicios futuros', o que, segundo apunta o sindicato nacionalista, significa que 'non poden comprar libros' en galego.
Así, a CIG recriminou que estes gabinetes dependentes da Secretaría Xeral de Normalización da Xunta envíen estas instrucións despois de que se realizasen os proxectos, 'debidamente presentados e aprobados no seu día', o que se traduce en gastos que 'agora indican que non se van ter en conta'.

Deste modo, o sindicato censura que a Xunta 'se nega a aboar libros, como unha medida máis contra o uso do galego nos centros educativos', pois, segundo explicou, ata este ano admitía a adquisición de libros relacionados coas actividades programadas.


DIFICULTADES

Dende a CIG subliñan que a Secretaría Xeral de Normalización 'pon novas dificultades ao labor dos equipos', ao seu xuízo, porque 'a esta Administración non lle gusta que nos centros de ensino haxa libros en galego'.

Te puede interesar