O Concello de Ferrol aproba o Plan Especial de Ferrol Vello que establece 12 anos para a súa recuperación

O Concello de Ferrol aprobou en pleno extraordinario o Plan Especial de Ferrol Vello, que fixa 12 anos para a rehabilitación e reurbanización do barrio histórico de orixe da cidade na que se tería que intervir en catro de cada dez edificios e no que o 49% das vivendas están desocupadas.
 

A aprobación do Plan Especial contou cos votos a favor do Partido Popular, que ostenta o goberno local con maioría absoluta, do PSOE e de Independentes por Ferrol, a abstención de Esquerda Unida e o voto en contra do BNG. No pleno interveu un dos representantes da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, Manuel Zapata, que apoiou a norma, que cualificou de "beneficiosa" para o barrio e "unha oportunidade" para todos os que residen nel.

O concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, recordou que este documento de planificación urbana para o ámbito de Ferrol Vello é un requisito recollido na Lei de Protección do Patrimonio da Xunta de Galicia. Ferrol Vello está catalogado como Ben de Interese Cultural.

O titular de Urbanismo destacou que o Plan incrementa a superficie para dotacións, espazos verdes e zonas libres de Ferrol Vello e mellora a accesibilidade no interior do barrio e a súa conexión con A Madalena. Tamén formula a implantación de novos servizos para dinamizar o barrio, como pode ser a rehabilitación da antiga sede de Alfándegas como edificio de peregrinos, ou unha área comercial.

No Plan Especial facilítase a posibilidade de unir parcelas para chegar a cabo novas construcións atendendo ás tipoloxías de arquitectura contemporánea. O documento considera actuacións en 80 edificios dos 122 catalogados que existen no barrio, para o que se contempla unha inversión anual en rehabilitacións de 1'6 millóns de euros. Ademais, fixa intervencións valoradas en 3'6 millóns de euros.

"NON NOS PODEMOS EQUIVOCAR MÁIS"

"Todos están de acordo con que en Ferrol Vello non nos podemos equivocar máis, é evidente que queda todo o traballo por facer", asegurou Evia, que recordou que unha vez que o Plan Especial entre en vigor o Concello recuperará as plenas competencias en materia urbanística, agás nos edificios catalogados como nivel 1. Engadiu que se "está a traballar na consecución de axudas", se ben ese investimento público "ten que vir sempre acompañada do investimento privado".

O Partido Socialista votou a favor do Plan Especial. O seu voceiro, Natividade González Laso, avogou porque Ferrol "fortaleza os seus sinais de identidade" e incidiu en que o documento é "consecuencia e continuidade" do traballo realizado pola anterior Corporación, encabezada polos socialistas, e na que se obtiveron fondos do Plan Urban e se iniciou a tramitación de barrio como BIC.

Os dous edís de Esquerda Unida abstivéronse na votación e o seu voceiro, Javier Galán, acusou de "falsidade" ao goberno local, por abordar este Plan nun pleno extraordinario, en época de campaña electoral, e non na sesión ordinaria correspondente. Galán manifestou as súas "dúbidas" sobre as intencións do PP porque "quen preside esta Corporación asegurou que só o 10% do barrio podería quedar en pé" e o Plan permite unificación de parcelas. "Non sabemos se será unha rehabilitación ou unha substitución".

VOTO EN CONTRA DO BNG

O BNG, pola súa banda, votou en contra. O seu voceiro, Iván Rivas, cualificou a política urbanística do goberno local como "altamente prexudicial para o barrio" e o Plan como "unha operación cosmética e propagandística que non pode maquillar a súa desastrosa acción política e a pasividade de tres anos", ao carecer dunha dotación presupostaria concreta. "Sen investimento público e intervencións, un plan destas características non ten ningún tipo de posibilidades", engadiu.

O Plan Especial abrangue un total de 12'70 hectáreas, entre as que se atopa o espazo de BIC e a zona de respecto, e outras zonas que se incorporan agora, como a Igrexa de San Francisco, os Xardíns de Herrera ou a praza de San Roque, que serven de enlace co outro barrio histórico da cidade, o da Madalena.

89 EDIFICIOS DESOCUPADAS

Ferrol Vello conta con 269 edificios, 23 soares sen edificación e 29 con restos de construcións. Deles, 89 edificios están totalmente desocupados, o que supón o 32%, e o 90% teñen máis de 50 anos de antigüidade.

Dos inmobles do barrio, o 56% atópanse en bo estado, o 31% presentan unha conservación "regular" e o 13% están en mal estado, habendo 20 edificios "en moi mal estado". A intervención en rehabilitación afectaría a 121 inmobles. Das 1019 vivendas o 49% están baleiras. O mesmo sucede cos locais de hostalaría ou comercio, onde máis de 50% están sen actividade.

Fronte a esta situación, atópanse as cifras de protección de inmobles. O barrio conta con 6 edificios catalogados, 38 de carácter singular e 94 de valor arquitectónico, o que supón un 60% de inmobles catalogados.

Te puede interesar