O Concello de Lugo establece medidas de aforro de auga pola seca

O Concello de Lugo estableceu as primeiras medidas para aforrar auga, como consecuencia do notable descenso que sufriu o caudal do río Miño ao seu paso pola cidade, a causa da seca dos últimos meses, que incluso obrigou a suspender a ruta do catamarán que partía dos Robles.

Nunhas declaracións, o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, explicou que o caudal do río está moi baixo, como consecuencia da ausencia prolongada de precipitacións, pero aínda mantén un nivel similar ao do pasado verán e, polo menos de momento, non serán necesarias 'medidas excepcionais'.

Polo momento, as medidas de aforro establecidas polo propio Concello de Lugo circunscríbense ao consumo de auga para a rega de zonas verdes e, polo tanto, non afectan directamente á poboación.

González Dopeso explicou que o Concello de Lugo optou por reducir o horario de rega de todas as zonas verdes da cidade e, en determinados lugares, suspendeuse por completo a hidratación.

En todo caso, lembrou que, se a seca continúa e 'baixa moito o nivel da auga', habería que adoptar decontado 'medidas máis restritivas', porque un consumo excesivo podería pór 'en perigo o caudal ecolóxico do río'.

En principio, esas medidas circunscribiríanse a unha suspensión total do 'baldeo mecánico' das rúas da cidade, así como da rega dos xardíns municipais.

As decisións relacionadas co consumo da poboación serían sempre determinadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHM), explicou González Dopeso, porque é o organismo da cunca o que ten que decretar 'o grao de alerta' para adoptar medidas restritivas que afectan á poboación.

Te puede interesar