Condenan ao Sergas a indemnizar á familia dun paciente que morreu dun infarto tras acudir tres veces a urxencias

Un xulgado de Santiago condenou ao Sergas a indemnizar con 91.000 euros a familia dun paciente que faleceu dun infarto tras acudir ata en tres ocasións a urxencias do Hospital Clínico. Contra esta sentenza, non obstante, cabe a posibilidade de interpoñer recurso.


Segundo informou o Defensor do Paciente, que se encargou da tramitación da denuncia, a sentenza recolle que o home, un veciño de Silleda de 66 anos, recibiu unha 'asistencia sanitaria deficitaria', na que 'non se utilizaron todos os recursos diagnósticos posibles'.

Tal e como recolle o escrito da asociación, o paciente presentaba 'signos de afección cardíaca', aínda que o diagnóstico se orientou 'cara a unha posible patoloxía de orixe dixestiva', polo que foi dado de alta 'sen tratamento específico ningún'.

De feito, o paciente só foi valorado por un cardiólogo na primeira visita ao servizo de urxencias, e, segundo o Defensor do paciente, presentaba 'clínica característica de insuficiencia cardíaca', e 'a radioloxía de tórax evidenciaba a existencia de cardiomegalia'.

Dous días despois do último ingreso no servizo de urxencias do CHUS e tras ser dado de alta, o paciente faleceu vítima dun infarto agudo de miocardio.

O maxistrado sinala na sentenza que, á vista do informe da propia Inspección Médica, se aprecia que 'non se aplicaron todos os medios diagnósticos posibles e dispoñibles', que 'puidesen conducir a un diagnóstico correcto' e á 'prescrición do tratamento axeitado á doenza do paciente', o cal 'puidese evitar o resultado finalmente producido'.

Te puede interesar