Convocada a contratación de servizos para a xestión da expropiación de terreos do novo hospital de Pontevedra

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publica este xoves na súa páxina web a notificación para a participación na convocatoria para a contratación de servizos para a xestión da expropiación dos terreos incluídos no proxecto sectorial do novo Hospital de Pontevedra mediante procedemento negociado sen publicidade.
Os interesados en participar, segundo sinala o Sergas, deberán presentar a documentación requirida no prego de cláusulas administrativas particulares que se publicou no perfil do contratante da páxina www.sergas.es.

A documentación deberá presentarse no rexistro xeral do edificio administrativo do Sergas en San Lázaro cun prazo que rematará o 27 de maio ás 14.0 horas.

O prazo máximo de execución do contrato será de nove meses e o presuposto máximo de licitación ascenda a 35.000 euros, segundo concretou a Administración sanitaria galega.

A adxudicación definitiva para a redacción do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, anteproxecto e prescricións técnicas do novo hospital público de Pontevedra foi realizada en xullo de 2010 e en decembro de 2010, recorda o Sergas.

O hospital público de Monte Carrasco contará cunha superficie construída que abranguerá os 150.000 metros cadrados, fronte aos 90.000 que tería a ampliación de Montecelo, e disporá de 2.000 prazas de aparcamento. O hospital, ademais, disporá de máis de 700 camas e máis dun 65 por cento de cuartos individuais.

Te puede interesar