CULTURA

Cultura colabora co primeiro cancioneiro que recolle a música orixinal da requinta da Ulla

Rafael Carracedo Crespo é o autor do libro-disco ‘A requinta da Ulla’, que reúne máis de 80 partituras, planos e fotografías deste instrumento tradicional galego

A Cidade da Cultura acolleu esta tarde a presentación do libro-disco A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó, de Rafael Carracedo Crespo, unha obra que recupera este prezado instrumento tradicional galego case desaparecido desde a década dos oitenta do século pasado. A obra, editada por Edicións Embora coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, constitúe o primeiro cancioneiro que recolle a música orixinal da requinta da Ulla e ofrece un percorrido polo instrumento a través de partituras, de planos e de fotografías.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou durante a charla-concerto coa que se presentou a obra que, a pesar de que existen varios traballos nos que se recupera a memoria deste instrumento tradicional, típico do Val do Ulla, este é o primeiro cancioneiro que recolle a música orixinal deste instrumento case desaparecido.

Un rigoroso estudo

A requinta da Ulla é un tipo de frauta traveseira característica do Val do Ulla coa que se acompañaba a gaita. Rafael Carracedo, herdeiro dunha longa tradición familiar musical fixo nesta obra “un minucioso traballo de estudo, transcrición e transmisión dun patrimonio cultural inmaterial que estaba a piques de desaparecer”, segundo valorou Anxo Lorenzo.

A historia dos inicios e o desenvolvemento da frauta do Val do Ulla, así como a do obradoiro García Riobó da Estrada, o máis antigo de Galicia aínda en funcionamento, centran unha obra que ofrece máis de oitenta partituras.

No disco que acompaña á obra escrita colaboran músicos do talle de Daniel Bellón, Xurxo Fernándes ou Diego Maceiras e contén interpretacións das pezas transcritas nas partituras e os sons de vellas gaitas, requintas e percusións. Facilítase, deste xeito, que “os músicos volvan interpretalas”, recuperando, así, “este instrumento tradicional e senlleiro da man das formacións musicais da nosa terra”, asegurou Anxo Lorenzo, quen destacou o valor deste traballo a prol da recuperación e da difusión do patrimonio musical galego.

Peche musical

Tras as intervencións do secretario xeral de Cultura e do editor do libro, Miguel Toval, e da charla do autor do traballo, o peche do acto contou coa música de Rafael e de Erundino Carracedo, de Andrés Andrés, de Darío Saavedra, de Marcos Kinhos, de Miguel Rivas, de Daniel Camaño e de Marcelino de Muiñeiro, que interpretaron catro pezas do disco, con requintas acompañadas doutros instrumentos como a pandeireta, a gaita, o bombo ou o tamboril.  

A Secretaría Xeral de Cultura colabora con esta publicación co fin de contribuír á recuperación, á difusión e á posta e valor do patrimonio musical de Galicia, restablecendo a importancia dun instrumento tradicional ligado á vida e á música da comarca do Ulla.

Te puede interesar