“O desencanto político non é de estrañar, pero non todos somos iguais'

Xosé Manuel Pérez Bouza.
A política non é descoñecida para Xosé Manuel Pérez Bouza, que xa no Senado falou de Ourense baixo unhas siglas deixadas atrás. Agora, como representante ourensán de Compromiso por Galicia traballa para implantar esta nova forza na sociedade.
Non son as súas primeiras eleccións pero si como candidato de Compromiso por Galicia. A nivel de campaña, que a diferencia das anteriores?
É diferente porque tiñamos claro que debía ser así dada a desafección tan grande que hai na cidadanía cara as estructuras partidistas tradicionais -neste caso PP, PSOE e BNG- e tamén cara eses modelos de campañas baseados en mitins e repartos de propaganda. Polo tanto, deseñamos un modelo distinto de non quedar quietos, senón ir a onde están os cidadáns e facelo, sobre todo, para escoitalos.

Fálase dunha total ruptura entre a clase política e a sociedade.
Hai un desencanto que non é de estrañar, pero non tódolos políticos somos iguais e creo que algúns temos demostrado que non somos nin sequera parecidos. Tamén é certo que xa se comeza a distinguir. Nese empeño de transmitir as diferencias é no que está CxG. Témolo demostrado en firme dando pasos que ninguén deu, como a proposta de someter a refrendo o noso traballo no Parlamento a metade da lexislatura, entre outras medidas. Pero é lóxica a posición da sociedade porque houbo moito político que defraudou .

Pero tamén din que a clase política é un reflexo da sociedade. Son equiparables os comportamentos dos dous sectores?
É evidente que os representantes políticos non caen do ceo, saen da sociedade. Ata certo punto son un reflexo, pero teñen que dar exemplo. Non vale dicir que como hai xente que non paga o IVE, eu tampouco. Un político ten que dar exemplo e o seu comportamento ten que ser intachable. Nós non queremos estar ó lado, diante ou detrás da cidadanía, queremos confundirnos con ela.
Os galegos somos traballadores e aforradores. Que pasa entón coa economía?
Está máis que demostrado que somos xente responsable, traballadora e seria. Aínda que pareza que non, tamén emprendedores. Pero aquí o que falta é que a administración, nun momento de dificultade estea detrás dos empresarios e autónomos axudándolles na financiación. E se pasan dificultade que teñan un respaldo. Hai xente que neste momento ten proxectos interesantes na cabeza e, con financiación podería poñelos en marcha, xerando emprego e riqueza. Por iso nós levamos unha proposta de creación dun Instituto de Crédito Público.

Das cousas máis escoitadas nestes anos de crise é que temos vivido “por riba das posibilidades” e que iso nos pasou factura incluso a nivel moral. Que rasgo da nosa personalidade nos trouxo ata aquí?
A maioría da sociedade foi mellorando o seu nivel de vida e iso é bo. Ricos só se fixeron uns cantos. Que fixemos mal? Medramos cun modelo económico equivocado, baseado no sector absolutamente volátil da construcción e no sector servizos. Iso é importante pero hai que complementalo cos sectores productivos tradicionais. En Ourense son o agrogandeiro, o forestal, o da lousa na comarca de Valdeorras e o do termalismo a nivel provincial. Con isto seguramente teriamos un modelo económico moito máis forte e sostible.

Hoxe estamos nun cambio de ciclo. Cara que mundo nos leva?
Estar nun cambio de ciclo era a esperanza que eu tiña. Non teño claro é que as políticas actuais sexan para mellor. Eu espero que aproveitemos esta crise tan profunda para que haxa un cambio de ciclo a mellor aínda que esa melloría sexa pouco a pouco e tardemos un tempo en apreciala.

Te puede interesar