Detidas seis persoas como supostas autoras de incendios forestais

A Policía Autonómica informou hoxe da detención de seis persoas como presuntas autoras de incendios forestais nos municipios pontevedreses de Lalín, Dozón, Crecente e Pontevedra, e no coruñés da Laracha.

En total, a Policía Autonómica detivo sesenta persoas no que vai de ano por delitos relacionados cos incendios forestais, segundo informa a Xunta nun comunicado de prensa.

A última das detencións ocorreu onte por parte da Policía Autonómica na Coruña, que imputou dúas persoas veciñas da Laracha como autoras dun incendio forestal que afectou a unha superficie de 300 metros cadrados de raso e arboredo, e que foi orixinado pola realización neglixente dunha queima de restos agrícolas sen as medidas de seguridade oportunas.

No pasado día 26, membros da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago detiveron un veciño de Lalín como autor dun incendio forestal causado tamén por unha neglixente realización dunha queima de restos agrícolas.

O lume ocorreu na parroquia de Barcia, municipio de Lalín, e afectou a unha superficie aproximada de 5.000 metros cadrados de arboredo.

No día seguinte, 27 de marzo, membros da mesma xefatura de Santiago imputaron un veciño de Dozón (Pontevedra) por un incendio que afectou a uns 2.900 metros cadrados de arboredo orixinado pola queima neglixente de restos agrícolas sen autorización.

No mesmo día, a Policía Autonómica da Xefatura de Vigo detivo un veciño de Ourense como autor dun incendio forestal no municipio de Crecente (Pontevedra), que afectou a unha superficie de 2.500 metros cadrados de arboredo tamén pola realización neglixente dunha queima.

Nestes dous últimos casos foron instruídas dilixencias que serán remitidas aos correspondentes xulgados de Lalín e Ponteareas, respectivamente.

Ademais, no día 28 de marzo foi detida en Pontevedra unha veciña imputada como autora dun incendio forestal na parroquia de Santo André de Xeve, que afectou a uns 100 metros cadrados de arboredo e que supostamente foi motivado por disputas cuns veciños que previamente a denunciaran pola realización dunhas queimas.

Te puede interesar