Detido un menor de idade pola subtracción dun ciclomotor en Pontevedra que probaba tras interesarse por compralo

Axentes da Comisaría Provincial de Pontevedra detiveron a un menor de 17 anos de idade de nacionalidade española, veciño do municipio, sen antecedentes policiais, como presunto autor da subtracción dun ciclomotor.
Os feitos sucederon o pasado 9 de febreiro cando un cidadán veciño de Pontevedra interpuxo unha denuncia na Comisaría Provincial na que daba conta da subtracción dun ciclomotor da súa propiedade valorado en 900 euros.

O denunciante manifestou que puxera á venda o ciclomotor nunha páxina de compra-venda de artigos en Internet, recibindo unha solicitude por parte de un novo que aparentou estar interesado na compra.

Por, iso quedaron nun punto de encontro na localidade pontevedresa de Marín para mostrarllo, solicitando o comprador poder probar o ciclomotor, ao que accedeu o vendedor. Foi ese o momento no que o novo comprador aproveitou para fuxir do lugar malia que foi perseguido polo propietario da moto co seu propio vehículo ata que o perdeu de vista.

Unha vez presentada a denuncia, os investigadores realizaron as pescudas oportunas seguindo os rastros deixados en Internet polo comprador, que desembocaron na identificación do menor agora detido como presunto autor dos feitos denunciados.

O menor foi detido na mañá do mércores. Na súa declaración recoñeceu ser o autor da subtracción do ciclomotor e manifestou que o vehículo o tiña escondido nunha cabana construída por este no monte e que había poucos días que persoas descoñecidas llelo subtraeran a el mesmo, e descoñecía onde se atopaba.

Non obstante, manifestou a súa intención de resarcir economicamente o vendedor pagándolle os 900 euros do prezo de venda. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o detido quedou en liberdade coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando para iso sexa requirido, dándose conta dos feitos á Fiscalía de Menores.

Te puede interesar