Detidos tres mozos por subtraer produtos cosméticos valorados en 500 euros nunha perfumaría de Santiago

Axentes do Corpo Nacional de Policía de Santiago detiveron na tarde do pasado día 11 tres mozos de Vigo por un suposto delito de furto nunha perfumaría da zona do Ensanche, da que subtraeron produtos cosméticos valorados en 500 euros.

Os feitos sucederon pasadas as 16.00 horas na zona comercial do Ensanche cando, a Sala operativa do 091 da Policía Nacional alerta pola emisora aos axentes de que se cometera un furto nun establecemento da zona, polo que unha parella de policías que atopaba polo lugar en labores de vixilancia e control nos establecementos, acudiu ao local onde sucederon os feitos para saber o que pasara, segundo informa a Comisaría de Santiago.

Debido ao dispositivo despregado por parte da comisaría para a prevención e represión dos delitos contra a propiedade, cometidos principalmente no interior dos establecementos, os axentes uniformados tamén acudiron ao local, xa que se atopaban polos arredores e, tras solicitar datos sobre a descrición dos posibles autores, comezaron a buscar pola zona os individuos.

Aos poucos minutos do sucedido, os axentes localizaron os posibles autores intentándose ocultar noutro establecemento próximo ao lugar dos feitos. Das primeiras investigacións despréndese que un dos autores puido escapar cos perfumes subtraídos, o valor dos cales se aproxima aos 500 euros. A investigación segue aberta 'á espera de máis detencións', segundo precisa a Policía.

Os axentes que levan o caso sospeitan que se podería tratar dun grupo semiorganizado que se dedica a visitar este tipo de establecementos co fin de subtraer efectos de valor.

Os tres detidos, de entre 23 e 28 anos e que posúen antecedentes por feitos similares, pasaron durante a fin de semana a disposición xudicial. O xuíz de garda decretou a súa posta en liberdade con cargos.

Te puede interesar