O DOG publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para 2012

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para 2012, que entra en vigor.

A Orde regula a veda dos diferentes crustáceos, de maneira que se poidan adoptar anualmente as medidas necesarias de conservación, tendo en conta os datos científicos dispoñíbeis, informou a Consellería de Pesca nun comunicado.

O Plan fai especial referencia ao maior control sobre a centola e o polbo, por seren especies de maior rendemento e explotación polo sector.

Así, o plan da centola estabelece que se poderá extraer desde hoxe até o día 1 de xuño e de 4 de novembro a 31 de decembro nas provincias da Coruña e Pontevedra, mentres que en Lugo o segundo período empeza no día 2 de decembro.

A captura do polbo prohíbese do primeiro de maio a primeiro de xullo.

A Orde recolle tamén os plans aprobados para as autorizacións marisqueiras de percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira e plans específicos en zonas de libre marisqueo, así como os períodos autorizados para a explotación de crustáceos como a nécora, lumbrigante, lagosta, santiaguiño, conguito, patulate e boi.

Os criterios de pesca destas especies e o calado de nasas, topes de capturas e outros aspectos regúlanse xa polo decreto de artes e aparellos, mentres que as súas vedas e o período para a explotación de recursos pesqueiros nas zonas de libre marisqueo e topes de capturas tamén se recollen na Orde publicada hoxe.

Tamén hoxe, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou coa decana do Colexio de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal, un protocolo de colaboración para avanzar na investigación de pesca, marisqueo e acuicultura.

Te puede interesar