Educación di que o profesorado marchaba para casa' na metade das horas lectivas que agora se incrementan

Socialistas e nacionalistas piden diálogo cos sindicatos e recriminan que hai entre 700 e 800 docentes menos
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asegurou este martes que a metade das horas que se corresponden agora co aumento do horario lectivo (que pasa de 21 a 25 horas semanais) eran de 'libre disposición' e 'os profesores marchaban para casa'.

'Sabe vostede ben que a metade desas horas eran de libre disposición e o profesorado marchaba para casa. E non fai falta que lle explique máis', respondeu o alto cargo da Xunta na súa última quenda de comparecencia na Comisión de Educación, despois de que o deputado do PSdeG Guillermo Meijón insistise en que lle aclarase a que se destinaban as 60.000 horas semanais que se incrementan agora en horario lectivo e que antes formaban parte da xornada laboral pero non da lectiva.

Ante esas palabras do director xeral, Guillermo Meijón, dende o seu posto na comisión e a micrófono pechado, demandáballe que 'dixese todo' e que matizase que esas horas 'as cubría pola tarde'.

Pola súa banda, a nacionalista Carme Adán mostrouse tamén moi crítica coa política da Consellería de Educación e afirmou que non se trata de 'catro horas', senón de que o departamento autonómico trata de trasladar a idea de que o profesorado no ensino público 'non traballa o suficiente'.

Durante a súa intervención, o director xeral indicou que a consellería aínda non dispón das cifras de cál é o equipo final do ensino público, se ben garantiu que 'serán contratados os necesarios'. Así mesmo, comprometeuse a que, en canto se coñezan as cifras, se darán a coñecer.

'NON DISPENDIOS'

'O que non se pode pretender, como queren os sindicatos, é que entren centos de profesores novos no sistema', subliñou Pinal, quen reivindicou que, neste momento, 'hai contratados máis interinos' que o ano pasado a estas alturas, concretamente, 27.

Deste xeito, reprochou que 'no momento acutal non poden pretender que se contraten 500 máis, se non se necesitan' e engadiu, ao respecto, que 'para iso está tamén a medida do cambio de xornada lectiva'. 'Non caiba dúbida de que se cubrirán todas as necesidades, pero de aquilo que sexa necesario, non dispendios innecesarios', resolveu.

Non obstante, o deputado socialista ratificouse nas cifras achegadas de redución de profesorado, ao non as ver 'rebatidas' polo alto cargo da Administración educativa. Así, denunciou que, sumando as xubilacións, hai en torno a 900 profesores nesa situación, ao que lle restou 244 das oposicións e os 27 'que dixo o conselleiro que contratou'.

Con estes números, as contas de Meijón botan un resultado de 629 docentes 'menos' en Primaria, ás que se se lle suman as 'cen unidades que non se crearon despois de asinalo cos sindicatos', son un total de 729 profesores menos.

Tamén a nacionalista calculou en torno a mil xubilacións producidas e, tras restarlle as 200 prazas convocadas, preguntouse 'se se van contratar 800 profesores para cubrir as vacantes'.

Fronte ás críticas da oposición, o director xeral incidiu en que se trata de 'recuperar' a situación que existía en 2007, cando o bipartito asinou a redución de catro horas lectivas para o profesorado, e 'equiparar' esta actividade ao resto das comunidades.

Ademais, defendeu que a Consellería de Educación 'está a respectar o catálogo' de profesorado que negociou o goberno anterior. 'Non se suprime nin diminúe ningún profesor', remarcou Pinal.

A este respecto, o alto cargo reprochou que esa diminución de carga lectiva para o profesorado supuxo 'un incremento de 500 profesores e 60 millóns de euros que se podían dedicar a outra cousa'. 'Baixaron o horario lectivo e gastaron 60 millóns euros máis', lamentou o director xeral, quen subliñou que este goberno pide un 'esforzo' para mellorar a 'calidade' educativa e para usar os recursos 'con eficiencia' nun momento de crise económica.

Neste sentido pronunciouse o deputado do PPdeG Román Rodríguez, quen fixo mención á situación 'excepcional' en que 'se se é capaz de aforrar algo, se dá garantías para manter o sistema'. 'Imos ter que traballar máis e ter menos diñeiro. É a consecuencia dunha administración (socialista) que nos enganou', constatou.

CONFLITO SINDICAL

Os grupos da oposición tamén censuraron que a consellería non fose capaz de alcanzar un acordo cos sindicatos e o curso escolar comece con folgas no ensino, ante o que o alto cargo recriminou que a posición dos representantes do profesorado era 'maximalista', de 'todo ou nada'.

'Non é certo que non haxa diálogo', insistiu Pinal, fronte ás peticións de socialistas e nacionalsitas de que se busque os acordos na mesa sectorial de Educación. 'Non escoitan o profesorado', recriminou Carme Adán.

Te puede interesar