Endesa culmina transformación mina das Pontes no maior lago de España

 El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo (d), y el presidente de Endesa, Borja Prado (i), durante la presentación hoy de la conversión en lago. EFE
Despois de catro anos de traballos, Endesa deu hoxe por finalizada a transformación ambiental dunha vella mina de lignito pardo nas Pontes nun inmenso lago artificial, o máis grande de España cunha superficie equivalente a toda a cidade da Coruña.

O lago ten 8,7 quilómetros cadrados de área e 18 quilómetros de perímetro e cotas de profundidade que superan os 200 metros nalgúns puntos.

O 'gran lago azul', como o definiu hoxe o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, está situado á beira da localidade industrial do interior da Coruña.

O inmenso oco aberto pola mina de carbón durante 50 anos de explotación encheuse nos últimos catro anos coas acheguas da auga procedente do río Eume.

A lei obrigaba a Endesa a restaurar ambientalmente o espazo que ocupou a explotación, da que se extraeron durante anos uns 12 millóns de toneladas de lignito pardo e que se pechou definitivamente o 31 de decembro de 2007.

Uns meses despois, en 2008, iniciouse o proceso de enchido que concluíu a mediados de abril do 2012.

En total, o lago acumula 550 millóns de metros cúbicos de auga potable 'de boa calidade', que cumpre cos parámetros esixidos por Augas de Galicia a través de continuas analíticas (semanais e mensuais), e onde xa se albiscaron ata tres especies distintas de peixes que se reproduciron espontaneamente.

O presidente de Endesa, Borja Prado, acompañou hoxe o presidente da Xunta e os conselleiros de Medio Ambiente e Industria do Goberno galego, Agustín Hernández e Javier Guerra respectivamente, a un longo percorrido polo perímetro do lago, pola praia artificial e pola antiga entulleira, unha montaña de 160 metros de altura sobre 720 millóns de metros cúbicos de áridos reconvertida nun verxel con máis 600.000 árbores plantadas e 180 especies animais catalogadas pola Universidade de Santiago.

Prado, nunha breve intervención nas Pontes, destacou que para a empresa eléctrica que preside hoxe foi 'un día grande'. 'Un dos dous máis importantes da historia de Endesa', matizou.

Definiu o proxecto de rexeneración como un 'plan exemplar' que xa está sendo 'obxecto de estudo e envexa no sector enerxético mundial'.

O proxecto de Endesa 'copia' a solución que os enxeñeiros alemáns lles deron ás antigas cuncas mineiras do Leste tras clausurar as súas explotacións, que reconverteron en pequenos lagos.

A compañía eléctrica ten nas Pontes a maior central eléctrica de España, unha térmica con catro grupos e unha potencia instalada de 1.400 megavatios, ademais dunha planta de ciclo combinado e varias de explotación hidráulica ao longo da vía do río Eume.

O lago tamén conta cunha gran praia artificial duns 370 metros de longo e 30.000 metros cadrados de area na zona máis próxima á localidade das Pontes, ademais de tres illotes artificiais.

Para protexer o lago da erosión, ao longo de todo o perímetro (18 quilómetros) colocouse un dique de pedras.

O lago é propiedade de Endesa e seralle cedido á Xunta de Galicia, que hoxe anunciou que deseñará un plan territorial integrado para regular os seus usos e actividades.

O presidente galego destacou o potencial turístico, deportivo e paisaxístico do lago, para o que tamén se estudan novos usos de aproveitamento enerxético.

'Estamos devolvéndolles á natureza e aos galegos o que foi seu. Convertendo o que podería ser un enorme problema nunha enorme oportunidade', resumiu Feijóo.

Pola súa banda, o alcalde das Pontes, o socialista Valentín González Formoso, manifestou que o novo lago é 'fillo da mina e da historia' dunha localidade industrial ligada a Endesa e á súa central térmica.

Te puede interesar