POLÍTICA

Errejón tende a man a alianzas en Galicia para as xerais, pero con Podemos como "eixe articulador"

  Inaugura na Coruña unha sede da formación, onde enxalza o cambio "histórico" das mareas

O secretario de Política de Podemos, Íñigo Errejón, dixo "tender a man" a alianzas de cara ás xerais en territorios como Galicia nos "fai falta tratar de forma diferente o que son situacións diferentes", pero de forma que Podemos funcione como "eixe articulador en todo o Estado".

"Para as xerais hai territorios concretos con dinámicas políticas propias nos que queremos tender a man, e entendernos con moitos actores moi diferentes, que foron pioneiros en abrir paso," apuntou Errejón a preguntas da prensa sobre a posibilidade de que Podemos conflúa para os próximos comicios coas mareas e outras forzas de esquerdas en Galicia. "E aí toda a xenerosidade e toda a man tendida", agregou.

En declaracións este sábado na Coruña, onde inaugurou unha sede da formación que se financiou por 'crowdfunding', Errejón referiuse ao anuncio do líder de Podemos, Pablo Iglesias, de que se someterá a referendo as alianzas por territorios da formación para que "poida haber acordos para tender a man", pero nos que Podemos "sexa o vector fundamental", aínda que camiñe "con moitas outras forzas".

"Agora ben, queremos ser, e fómolo sempre, moi coidadosos, non se trata de xuntar partidos, non se trata de xuntar siglas, non se trata de xuntar aos que pensan exactamente igual", deixou claro, senón de "construír unha maioría" de xente que vén de lugares "moi diferentes".

Esta visita de Errejón a Galicia continúa esta tarde en Santiago, onde participará nunha mesa redonda co líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, entre outros, acerca de procesos constituíntes, organizada por Podemos.

Precisamente, hai uns días tamén Pablo Iglesias visitou Galicia onde atopou discrepancias coas mareas e formacións como Anova á hora de conformar unha candidatura para as xerais.

CAMBIO "HISTÓRICO" EN GALICIA

Xunto a isto, Errejón subliñou que Galicia foi un dos "lugares pioneiros""na apertura ao cambio político" en cidades como A Coruña, Ferrol ou Santiago, coa chegada das mareas ao poder nun movemento político que cualificou de "histórico".

"Non nos cabe a dúbida de que esa mesma onda, esa mesma marea se vai expresar nas próximas eleccións xerais producindo un cambio político que lle devolva a soberanía á xente", afirmou.

Por todo iso, aposta "pola apertura dun novo ciclo político""cunha maioría nova" con xente "decente e sinxela" que "se apertaron o cinto" nos anos máis duros".

"NON SE EXCLÚE A NINGUÉN" E EXEMPLO DE CATALUÑA

A preguntas sobre se é favorable ou non de converxer con Ahora en común, Errejón apuntou que iso "o decidirán" as bases en referendo e "non se exclúe a ninguén", pero agrega que "non se trata de facer unha fronte entre a xente que pensa igual", senón de dar paso ao cambio dunha "maioría".

Tras remarcar que "non hai veráns" nin descansos para Podemos, co obxectivo de que "David poida vencer a Goliat", Errejón avogou por falar "territorio a territorio".

"En Cataluña déronse pasos moi significativos", puxo de exemplo, cunha candidatura fronte ás "elites do inmobilismo", na que vai poñer "en primeiro lugar" os dereitos da xente.

"Cremos que esa candidatura está en disposición de gañar as eleccións ao Parlament", remarcou, para agregar que Podemos vai ser un instrumento para "tender á acumulación de forzas" en Cataluña.

Te puede interesar