FOLGA ESTUDIANTIL

Os estudantes galegos saen á rúa este xoves nunha folga contra "os ataques ao ensino público"

O conselleiro Jesús Vázquez respecta a protesta pero apela a non usar a educación como "unha arma política".


Os estudantes galegos de ensino medio e universitario están chamados a este xoves un nova xornada de folga e manifestacións contra "os ataques ao ensino público" e a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, convocada nesta ocasión polas organizacións de alumnos Agir, Os Comités e A Liga Estudantil.

Unha nova convocatoria de protestas que percorrerán preto de 20 localidades galegas, e que estará apoiada por Galiza Nova, o BNG ou as entidades que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino público, entre outras.

Co lema 'En pé por un ensino público galego', as marchas sairán sobre as 12.00 horas das localidades de Santiago (Alameda) A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Carballo, Cee, Moaña, Noia, Ponteareas, Pontedeume (ás 10.00 horas), Ribadeo, Ribeira, Sarria, Verín, Vilagarcía e Vilalba.

As entidades convocantes presentaron estas protestas en diversas localidades galegas nas últimas semanas, co fin de realizar un "chamamento ao estudiantado galego e ao conxunto da sociedade para que se mobilice, para que loite". "Porque non lles podemos deixar que nos sigan ofendendo deste xeito", puntualizaron, durante un acto celebrado en Compostela hai unhas semanas.

Ademais da chamada 'Lei Wert', que consideran "un paso atrás" e unha norma "elitista", criticaron os recortes en Erasmus, con estanzas máis reducidas, ou a redución de profesorado galego dos últimos anos, entre outros puntos.

Agir, Os Comités e Liga Estudantil Galega tamén avanzaran na presentación da folga do 20 de febreiro que se trata do inicio dun calendario "continuado" de protestas contra os ataques ao ensino público, que realizarán de forma "unitaria" e dende Galicia.

"UNHA ARMA POLÍTICA"

Sobre a nova convocatoria dos estudantes, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universtaria, Jesús Vázquez, reiterou o seu "total respecto" polas protestas, aínda que tamén apelou aos diversos partidos e organizacións para deixar de utilizar a educación como "unha arma politica".

Ademais, Vázquez trasladou o seu "respaldo" ao cambio normativo que supón a Lomce, que a vai como "unha reforma necesaria" no sistema educativo estatal "e polo tanto galego".

"Gustaríame que se traballase conxuntamente neste sentido e posiblemente, sería preciso que saíse con máis acordo de todos os partidos", recoñeceu, aínda que tamén recordou que se aprobou nun Goberno democrático e con maioría. Finalmente, reiterou a súa aposta por sacar "o debate sobre educación fóra da política".

Te puede interesar