Falecen dúas persoas nun accidente de tráfico en San Cibrao das Viñas (Ourense)

Dúas persoas faleceron na mañá deste luns nun accidente de tráfico acontecido no Polígono de Barreiras, en San Cibrao das Viñas (Ourense), tras colisionar o coche no que viaxaban contra un camión.
Segundo informaron a Europa Press fontes da Central de Emerxencias 112-Galicia, o accidente produciuse pasadas as 11.00 horas deste luns no quilómetro 230 da estrada N-525 e nel viuse implicado un camión e dous turismos.

As dúas vítimas mortais responden ás iniciais J.G.P., de 26 anos de idade e veciño de Rairo -localidade situada aos arredores de Ourense-, e E.V.D., de 35 anos e veciño de Ourense. Pola súa banda, o condutor do camión J.C.A.L, veciño de Mos (Pontevedra), resultou ileso.

As dúas vítimas mortais tiveron que ser excarceradas dos vehículos, de forma que mentres se desenvolveron estes traballos e se procedían a limpar restos do sinistro, a calzada permaneceu cortada á circulación en torno a unha hora.

Ao lugar do suceso, na estrada que une San Cibrao con Ourense, desprazáronse efectivos dos Bombeiros de San Cibrao e dos Bombeiros de Ourense para excarcerar as dúas vítimas mortais, que quedaran atrapadas nun dos vehículos. Así mesmo, acudiron dúas ambulancias do 061 e tres efectivos de Protección Civil de Barbadás.

Te puede interesar