GUERRA IRAQ

Ferrol non se esquece de José Couso

1305545873_0
photo_camera O cámara falecido, José Couso.

Ao redor de medio centenar de persoas concentráronse este domingo na praza da cidade que leva o seu nome, onde reivindicaron a necesidade de xustiza tralo seu asasinato en Bagdad

Ao redor de medio centenar de persoas concentráronse deste domingo, desde as 12,00 horas, na Praza da Paz-José Couso de Ferrol, para lembrar ao cámara ferrolán de Tele 5 no décimo quinto aniversario da súa morte, cando se atopaba cubrindo para a cadea de televisión estatal a invasión de Iraq en Bagdad.

Couso falecera como consecuencia dos disparos dun tanque norteamericano contra o Hotel Palestine, onde se aloxaban representantes de medios de comunicación internacionais.

O acto consistiu nunha ofrenda floral na que se deron cita algúns dos familiares de Couso na cidade naval, entre os que se atopaban tres dos seus tíos, así como diversos representantes políticos.


A loita continúa


"Temos a razón e a verdade da nosa parte, e a xustiza buscarémola onde sexa"

Antes de colocar un ramo de rosas vermellas ante a placa que leva o nome de Couso, un dos seus tíos, Kiko Permuy, leu en nome da familia de Ferrol un manifesto no que asegurou que serán "tenaces" e que buscarán a xustiza "onde sexa".

"A pesar da reforma do Código Penal sobre a xurisdición universal en marzo do ano 2014 por parte do Partido Popular, que restrinxe drasticamente a capacidade dos xuíces españois de perseguir delitos fóra do seu territorio, que motivou que o xuíz Pedraz se vexa obrigado ao arquivo da causa, a familia Couso Permuy somos tenaces e non nos deixamos amedrentar polas adversidades", porque "temos a razón e a verdade da nosa parte, e a xustiza buscarémola onde sexa". Finalizou a súa intervención proclamando "José Couso, crime de guerra, investigación e xustiza".

Kiko Permuy realizou un relatorio de como se desenvolveron os acontecementos en Iraq e como a familia seguía con inquietude as noticias que chegaban a través dos medios de comunicación deste conflito. "Escoitabamos pola radio as noticias e o meu medo crecía por momentos, xa que os ianquis estaban a tomar Bagdad e silenciando á prensa árabe", asegurou.

Rexeitou as acusacións que recibiron de "politizar o caso" replicando que o que fixeron é contar a verdade, porque "o máis duro é ver como unha vítima española é esquecida até pola Fiscalía do seu país", e que o único que buscan os familiares de José Couso é "reclamar xustiza", acusando tanto ao PP como ao PSOE de adoptar a mesma actitude tras esta morte.

Te puede interesar