O fillastro de Oubiña admite liderar rede que introduciu 2 toneladas de cocaína

O fillastro do narcotraficante Laureano Oubiña, David Pérez Lago, que se enfronta a unha petición de 18 anos de cárcere no xuízo que se segue na Audiencia Nacional, admitiu ser o xefe dunha banda que en abril de 2006 conseguiu desembarcar case dúas toneladas de cocaína en Corme (A Coruña).
Así o recoñeceu no xuízo que desde hoxe se celebra ante a sección primeira da sala do penal deste tribunal contra el e outros trece acusados, para os que a fiscal anticorrupción Inmaculada Ávila reclama penas de 13 anos e 6 meses de cárcere por un delito continuado contra a saúde pública, ademais de pedir multas de 636.160.116 euros e 318.080.058 euros para todos.

Pérez Lago, que xa foi condenado a seis anos de prisión pola súa implicación nun alixo de trece toneladas de haxix, explicou que en 2006 formaban parte dunha organización criminal internacional dedicada ao tráfico de drogas e que eles integraban a parte da banda situada en Galicia, que introducía a cocaína mediante lanchas rápidas.

Segundo o escrito de conclusións provisionais da fiscal, o 'modus operandi' deste grupo era o 'habitual' dos narcotraficantes galegos, que se encargan da loxística, para o que saían ao encontro dun navío nai da organización, que é o que transporta a droga, nun punto indeterminado do mar aberto.

A primeira das operacións que lles imputan produciuse entre os días 5 e 9 de abril de 2006, cando se detectou un alixo de 2000 quilos de cocaína procedente de América do Sur que se pretendía introducir até a costa, aínda que Pérez Lago indicou que houbo problemas ao quedar sen combustíbel un dos barcos.

Ademais, o acusado destacou que antes de a levar a cabo contactou coa UDYCO coa intención de colaborar para intentar paralizar a súa condena de seis anos, aínda que -dixo- finalmente esa colaboración non callou e participou na operación por medo a que a rede soubese da súa intención.

A segunda operación desenvolveuse a partir do día 25 de abril en que a embarcación tamén tivo problemas mecánicos e de combustíbel o que, unido ao temporal que había neses momentos, obrigou a organización a intentar acudir na súa axuda co barco 'Juana Elvira' capitaneado por outro procesado, sen logralo.

Por ese motivo, lembrou Pérez Lago, acudiu xunto ao tamén acusado Vicente M.D. ao barco, onde recolleron os tripulantes e afundiron a lancha rápida, despois do que se dirixiron á costa, desembarcaron dous mariñeiros na praia de Rostro e foron para o porto de Corcubión (A Coruña), onde foron localizados pola Garda Civil.

Na praia da Barda, en Ponteceso (A Coruña), os axentes interceptaron unha embarcación con 85 fardos de cocaína que pesaban 1.705 quilos e que foi taxada en 159.040.029 euros.

Te puede interesar