RECONOCE A "NECESIDADE" DE REORGANIZAR UN MAPA XUDICIAL "DESFASADO"

A Fiscalía de Galicia rexeita a eliminación dos partidos xudiciais tradicionais

Propón que a xurisdición especializada exista nas 7 cidades galegas para "asegurar as lexítimas expectativas" dos cidadáns

A Fiscalía Superior de Galicia elaborou un documento coa súa proposta sobre a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial na que rexeita a "eliminación" dos partidos xudiciais tradicionais, que considera "integrantes da xustiza de proximidade".

Aínda que no texto recoñece a "necesidade" de reorganizar un mapa xudicial que vai "desfasado da realidade territorial actual e as súas dinámicas sociais", a Fiscalía galega asegurou que "non pode compartir a conclusión, que parece derivarse, da eliminación completa dos partidos xudiciais tradicionais".

Segundo explicou a institución que dirixe Carlos Varela, "aplicado a Galicia o modelo de concentración, sen excepcións, significaría a perda dos seus partidos xudiciais en cidades como Vigo, Santiago ou Ferrol".

Todo iso, engadiu, "sen que as infraestruturas centralizadas nas súas respectivas capitais de provincia sexan capaces de absorber, no momento actual, todos os servizos xudiciais que se extinguirán tanto nestas cidades coma nas distintas instancias locais constituídas en partido xudicial".

XURISDICIÓN especializada

Por iso, a Fiscalía Superior de Galicia propuxo que a xurisdición especializada exista nas sete cidades de Galicia para "asegurar as lexítimas expectativas de todos os seus concidadáns e do movemento económico, laboral e empresarial da súa dimensión metropolitana".

"As sete grandes cidades converteranse tamén, deste modo, en Instancias Xudiciais Centrais coas mesmas competencias e servizos xudiciais que no Anteproxecto se dispón para as capitais de provincia", apuntou.

A este respecto, considera que os "criterios obxectivos" a ter en conta na reforma do mapa xudicial "non poden basearse solo na actividade xurisdicional", senón que deben valorarse criterios exóxenoos, relacionados coas características poboacionais e co contexto social ou económico de determinada bisbarra".

Así, para o Ministerio público unha comisión constituída por expertos" en ordenación do territorio "podería formular propostas de reforma do mapa xudicial, empregando instrumentos e análises propias para definir límites territoriais adaptados ás novas demandas sociais do século XXI".

DIMENSIÓN E EFICIENCIA

Segundo indicou, a existencia de Tribunais de Instancia en cidades como Vigo, Santiago ou Ferrol para atender as necesidades as súas áreas metropolitanas, "evitaría o sobredimensionamento do Tribunal Provincial de Instancia" e posibilitaría a "racionalización da oferta xudicial" así como do "equilibrio na distribución de procesos por cada unidade xurisdicional".

Ademais, conforme sinalou, a creación deste tipo de tribunais nas sete cidades galegas favorecería "unha axeitada ponderación entre a proximidade daqueles servizos aos cidadáns e a concentración da oferta especializada".

Te puede interesar