Agosto, setembro e outubro presentaron temperaturas máis altas das esperadas

Galicia experimentou en 2013 o mes de maio máis frío e o xullo máis cálido dos últimos 30 anos

En relación ás temperaturas, no mes de xaneiro foron suaves, pola contra, dúas entradas de aire frío, que viñeron acompañadas de neve en cotas baixas, fixeron que febreiro resultase frío. O mes de abril sobresaíu polas temperaturas máxima rexistradas a finais de mes, con valores que superaron os 30 graos en vales do interior.



O 2013 foi un ano de contrastes climatolóxicos para Galicia, que experimentou o mes de maio máis frío dende 1984 e o mes de xullo máis cálido dende 1981, tal e como detalla o avance do informe climatolóxico do presente exercicio realizado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.


Os meses de agosto, setembro e outubro presentaron valores de temperatura máis altos do esperado e deron paso a un novembro frío. Decembro presentou temperaturas moi baixas na primeira metade, con fortes xeadas no interior, segundo indica o documento elaborado polo departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.


PRECIPITACIÓNS

No relativo ás precipitacións, o ano comezou cun mes de xaneiro con chuvias abundantes, destacando a chegada a Galicia da cicloxénese explosiva denominada 'Gong'. Tras un febreiro seco, o mes de marzo presentouse moi chuvioso, debido á continua presenza de baixas presións no Atlántico norte. En abril, concretamente o día 10, recolléronse máis de 100 litros por metro cadrado en moitas localidades galegas.

De maio a agosto as precipitacións foron, en xeral, escasas, destacando xullo, no que se rexistraron chuvias cuantiosas concentradas unicamente en dúas xornadas. O mes de setembro rexistrou grandes contrastes entre o norte, máis seco, e o sur da comunidade. Setembro deu paso a un outubro húmido, no que destacou a xornada do 21, cando se rexistraron, de novo, valores por enriba dos 100 litros por metro cadrado.

En novembro o tempo estivo seco, agás no norte e este da provincia de Lugo e un principio de decembro con ausencia de chuvias, a segunda metade caracterizouse polo predominio dos ventos de compoñente oeste e a presenza de chuvias.


ANOMALÍAS

Como se indicaba antes, no mes de maio houbo un predominio en Galicia de situacións anticiclónicas, o que explica que as chuvias fosen en xeral moi cuantiosas, pero os anticiclóns non conseguiron en ningún momento do mes achegar aire cálido dende o sur e, polo tanto, as temperaturas asociadas a estes períodos foron en xeral bastante discretas.

As chuvias solo alcanzaron valores normais para un mes de maio no norte, debido aos ventos que predominaron deste compoñente. Foi o maio máis frío dende 1984, cunha anomalía negativa de 2 graos. Respecto ás precipitacións, resultou un mes seco na maior parte de Galicia.

Por outra banda, o mes de xullo caracterizouse, en xeral, pola presenza das altas presións ao norte da península ibérica, co conseguinte arrastre de aire cálido procedente do norte de África.

Este anticiclón só se moveu na última semana do mes, aínda que a mediados deste chegou aire frío en altura que deixou un importante episodio de tormentas. Con estes factores, o mes resultou ser o máis cálido dende 1981, cunha anomalía positiva nas temperaturas medias de dous graos.

Durante o mes de outubro, a presenza de baixas presións no Atlántico e ventos do sudoeste fixo que as condicións meteorolóxicas estivesen caracterizas polas chuvias, pero tamén polas temperaturas elevadas particularmente no caso dos valores mínimos.

Te puede interesar