Galicia únese a unha rede mundial para a defensa do desenvolvemento sostible

Desde o pasado xoves, Galicia forma parte de maneira oficial da Rede de Gobernos rexionais polo desenvolvemento sostible, unha organización que engloba a case 500 territorios de todo o mundo aos que pretende ’outorgar voz propia no ámbito internacional. Aragón, Cataluña ou Euskadi formaban parte desta iniciativa, con proxectos como o de combater o cambio climático.

A Comunidade autónoma galega oficializou o pasado xoves a súa incorporación á Rede de Gobernos rexionais polo desenvolvemento sostible, unha organización que se constituíu en setembro de 2002 e que ten como obxectivo ’outorgar voz propia no ámbito internacional ás rexións con competencias en materia ambiental’. Fontes da Consellería de Medio Ambiente destacaron neste senso que a inclusión de Galicia na rede permitirá que a comunidade leve a cabo un intercambio de experiencias en materia de desenvolvemento sostible ’a nivel mundial’ e facer visible o traballo da Xunta na materia.

Meteogalicia

En concreto, desde a Consellería de Medio Ambiente que encabeza Manuel Vázquez, destacaron a importancia do foro para compartir experiencias no ámbito da loita contra o cambio climático e, nese marco, citaron o plan galego contra o cambio climático, o proxecto Climántica e a mellora do servizo de información ambiental MeteoGalicia. Actualmente, na rede participan representantes de diversas Asociacións de Rexións e Redes Rexionais que representan preto de 500 territorios procedentes de todos os continentes, entre os que se atopan Aragón, Andalucía, Cataluña, o País Vasco e, dende agora, Galicia.

Medio Ambiente destacou que a Rede de Gobernos rexio nais polo desenvolvemento sostible tamén ’facilita a posibilidade’ de acudir a encontros internacionais de alto nivel, como o próximo cumio sobre o cambio climático que terá lugar en Bali e na que Galicia estará presente para recoller conceptos e intercambiar experiencias.

A rede pretende dar voz e representar os gobernos rexionais a nivel mundial mediante a promoción de asociacións, o intercambio de información e experiencia en torno ás políticas de desenvolvemento sostible para o nivel rexional de goberno en todo o mundo.

Te puede interesar