Medalla Castelao 2021

Juan Luis Saco: “Se vivira cen anos, ao mellor acababa de ler a miña biblioteca”

10.68.110.9archive20190403dsc0017.jpg_web
“Agora só son avó”, di este catedrático de Latín, disciplina que lle transmitiu aos seus descendentes.

O último cargo de Juan Luis Saco (Ourense, 1938) foi o de presidente da Fundación Otero Pedrayo, da que se despediu o pasado 24 de abril cando lle entregou o Premio Trasalba ao seu amigo Manuel Buciños. “Agora só son avó”, di este catedrático de Latín, disciplina que lle transmitiu aos seus descendentes. Profesor durante toda a vida, réstase méritos con esta medalla Castelao. Eso si, con retranca.

Como senta o recoñecemento?

Estou abrumado, eu non teño mérito ningún para unha cousa así. Adiquei toda a miña vida a traballar e nada máis.

Pero din que ten un papel destacado nas letras galegas e na música. Algo faría…
Bueno, eu traballei toda a vida e estiven ademais facendo as cousas que me encargaron sempre ben. Con todo o interese e o cariño, pero nunca fixen nada extraordinario…

Algún sitio terá na cultura galega.

Home, veño de familia adicada á cultura e o meu gran de area sempre puxen. O que tiven foi moitos encargos e cumprinos e estou moi orgulloso da laboura que fixen en todos eles. Puiden acertar ou non, pero polo menos fíxeno todo con total honestidade.

Deixou hai nada a presidencia da Fundación Otero Pedrayo, agora que toca?

Agora adícome aos netos, a ler e a facer chafalladas para min.

Din que ten unha biblioteca enorme…

Teño unha magnífica biblioteca, se vivira cen anos máis ao mellor acababa de lela enteira.

 Otero Pedrayo ocupará un lugar importante nela.

Si señor, pero toda a xeración Nós e todo o que herdei. A biblioteca que teño boa herdeina parte do meu avó Cándido Cid e outra parte do meu pai e do meu tío-avó Juan Antonio Saco y Arce. Por certo, aínda non teño buscado o acougo definitivo porque ningún dos meus fillos se pode facer cargo dela.

Xa pensa nese  futuro?

É que non quero que se perda.

Gustaríalle doala?

Si, vouna doar enteira.

En Trasalba non estaría ben?

Non sei, porque non hai moito sitio e habería que facer instalacións para ela. Eu teño os libros polo chan, nas habitacións… Agora ao que me adico máis que nada é a desfrutar da vida, teño moitos anos. Por iso deixei a fundación, porque hai que deixar espazo á xente máis nova. Un xa ten unha idade e aconséllanme levar a vida doutra maneira.

É como ve a xente nova á que lle toca agora coidar da cultura e das letras?

Hai un movemento cultural importante, o que pasa é que a cultura está cambiando. Dando un xiro.

A cidade de Ourense está sufrindo…

Claro. Está dando un xiro. O que me preocupa é que os parámetros de sempre estanse modificando bastante, as técnicas son completamente distintas.

Fala dun nivel artístico?

Si, e tecnolóxico, e literario… Pero son moi optimista, teño confianza en que as novas xeracións van saír adiante e os que temos certa idade temos que ir retirándonos.

Pero cun Castelao baixo o brazo.

Si, tomo isto coma un colofón. 

Te puede interesar