Mariscadoras protestan cunha acampada simbólica para esixir a Quintana que restitúa a axuda de 557 euros

 Integrantes de la Asociación Galega de Mariscadoras (Agamar) de las rías gallegas se concentran hoy ante la Consellería de Mar en Santiago de Compostela
Piden á conselleira que les 'devolva' o subsidio que cobraron dende 2007 e que non les 'mande' con 70 anos a traballar
Tres mariscadoras xubiladas da ría de Pontevedra realizaron este martes unha acampada simbólica fronte ao complexo administrativo da Xunta en San Caetano para esixir á conselleira do Mar, Rosa Quintana, que restitúa a axuda de 557 euros mensuais que percibían dende 2007.

Acompañadas pola presidenta da Asociación Galega de Mariscadoras e Mariscadores (Agamar), Natalia Laíño; o secretario, Manolo Maneiro e un grupo doutros cinco compañeiros, estas mulleres, que superan os 65 anos e faenaron 'toda a súa vida' en Campelo e Combarro (Pontevedra), instaláronse este martes, malia a persistente chuvia, fronte ás dependencias do Goberno galego en Santiago cunha tenda de campaña e varias cadeiras de cámping.

Baixo os paraugas, as tres mariscadoras esgrimiron os seus argumentos aos medios de comunicación: 'Pedímoslle á conselleira que nos dea as axudas, porque levamos cobrándoas tres anos e agora nolas quita', reprochou unha das mulleres, que faenou dende 'os 8 ou 9 anos' en Campelo (Pontevedra). 'Foi do que vivín e do que me criei; todas nós nos criamos nas praias', resaltou.

A mariscadora denunciou que, tras a supresión do subsidio na orde de 2011, que a consellería publicou o pasado 19 de xaneiro, a situación familiar dunhas 20 mulleres na ría pontevedresa 'queda mal', posto que a pensión dos maridos, no mellor dos casos, 'non é moi grande'.

O número de afectadas elévase ata unhas 200 -178, segundo os datos que manexa a Federación Galega de Confrarías de Pescadores- se se contan outras zonas como Cabo de Cruz e Ferrolterra (Ferrol, Mugardos e Barallobre), onde se localiza a maior cifra de mariscadoras sen dereito a pensión.

'Cando cumprimos os 65 anos pedimos seguir', explicou a muller, para censurar, a liña seguida, que, 'agora', a Xunta lles 'mande con 70 anos a traballar', en alusión á opción de continuar mariscando ata cumprir os 15 anos cotizados que formula tanto a federación de confrarías como a titular do departamento autonómico.

'XA TRABALLARON O SUFICIENTE'

Para Natalia Laíño, esta saída 'non é válida', xa que son mulleres maiores de 65 anos que 'xa traballaron o suficiente como para poder ir para casa tranquilas'. Ao mesmo tempo, evidencia, coa súa xubilación 'deixan vacantes' nas confrarías 'para que entre xente nova' a mariscar, 'que fai moita falta ao sector'.

'Case nos conformabamos cando a conselleira anunciou que ía analizar caso por caso', sinalou a presidenta de Agamar. 'Pero cando vemos que nin iso e que nin fai unha reunión nin nada...', lamentou.

De aí que o colectivo continúe coa campaña de mobilizacións que comezou o mércores pasado, cunha concentración ante o Parlamento galego cando no seu interior os grupos debatía unha moción para restituír as axudas. A iniciativa foi rexeitada, unha vez máis -e xa é a terceira- cos votos en contra do PPdeG.

'PEDIR NAS IGREXAS E ACAMPAR NOS PARQUES'

Co acto deste martes, as mariscadoras pretenderon simbolizar a situación en que 'a conselleira deixa ás mariscadoras', sen o subsidio de 557 euros mensuais, 'obrigándoas a pedir nas igrexas e acampar nos parques', tal e como se podía ler nunha pancarta que portaron os compañeiros das mariscadoras.

O subsidio, iniciativa do Goberno bipartito, paliaba o feito de que non teñen dereito a recibir unha pensión por xubilación nin ningunha outra prestación non contributiva, posto que non cotizaron os 15 anos necesarios para acceder a ela, pero si o fixeron dende o ano 2000, cando se viron obrigadas por lei a darse de alta na Seguridade Social para recibir un permiso de explotación ('permex').

'A nós nunca nos dixeron que tiñamos que cotizar nin que non', criticou a mariscadora de Campelo. 'A de hoxe é unha protesta máis', apuntou Natalia Laíño, a asociación da cal 'está a preparar' a convocatoria dunha manifestación na capital galega.

'ATA QUE TEÑA A BEN DEVOLVER AS AXUDAS'

'O outro día estivemos ante o Parlamento e hoxe aquí, de acampada diante da consellería, a ver se ten a ben vernos dende a súa ventá e escoitar o que levamos pedindo todo este tempo', esgrimiu. 'Seguiremos protestando ata que ela teña a ben devolverlles as axudas que viñan cobrando', advertiu.

Así mesmo, Agamar pediu reunións cos alcaldes das localidades afectadas para que les 'reciban e axuden' coas protestas. 'Temos que seguir loitando polas mulleres, é unha inxustiza demasiado grande como para non facer nada', concluíu Laíño.

Te puede interesar