GALICIA

Martiño Noriega dúbida da necesidade dun proxecto previo á sinatura do convenio para as obras da Catedral

O alcalde de Santiago reivindicou que as administracións cumpran os acordos respecto ás obras de rehabilitación da Catedral para evitar que se dane o valor patrimonial e turístico

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, declarou "non entender" a petición por parte da Xunta á Catedral dun proxecto das obras para poder asinar co Goberno o convenio que dea continuidade a estas antes de setembro.

Aínda que Noriega confirmou que si existe un protocolo de intencións coa sinatura do Concello anterior, aínda non está asinado o convenio que acredita a concesión de 17 millóns de euros do Estado á Igrexa para proseguir coa rehabilitación do templo.

O alcalde de Santiago reivindicou que as administracións cumpran os acordos respecto ás obras de rehabilitación da Catedral para evitar que se dane o valor patrimonial e turístico que supón para a capital galega.

O rexedor trasladou tamén a preocupación do deán da Catedral, Segundo Pérez, pola situación das obras que se executan por un consorcio que remata "agora" o tramo correspondente, mentres que o convenio para os demais segue sin asinar. Iso xera, advertiu, o "risco" de "ter que quitar" as estadas en setembro sen rematar os labores, o que suporá un "impacto estrutural e estético".

REHABILITACIÓN DO PALACETE DO ESPIÑO

Na mesma comparecencia onde Noriega fixo estas declaracións, o alcalde anunciou o "desbloqueo" das obras de rehabilitación do Palecete do Espiño, adxudicadas á empresa Dragados S.A. por un importe de 869.910 euros.

O alcalde admitiu que aínda non está definido o uso, pero que se está a formular que albergue instalacións propias do Concello, xa que este conta con espazos externalizados en aluguer. Non obstante, "a idea principal" é reutilizar as estruturas e buscar un edificio de custo cero autosuficiente enerxeticamente.

Así as cousas, o Palacete do Espiño non foi o único proxecto ao que o rexedor fixo referencia como "non executado polo goberno saínte". Noriega tamén anunciou que a intención do Consorcio é ampliar o prazo de execución das obras nunha urbanización de San Marcos que sofre, entre outros problemas, falta de iluminación propia.

O alcalde explicou que o PP, cando se atopaba á fronte do goberno local, embargou o aval de medio millón de euros da promotora para rematar as obras pendentes da urbanización. Non obstante, non foron executadas no prazo marcado de tres meses. Por iso, a promotora pide a devolución do diñeiro, demanda que o Concello ve como "un paso atrás" e que, á súa vez, asegurou, comezará un novo procedemento para poder dotar os veciños da iluminación.

REGULARIZACIÓN DO CENTRO CÍVICO DO ROMAÑO

O rexedor compostelano informou tamén do incumprimento no prazo das obras do centro cívico do Romaño e do barrio de Vista Alegre, as cales remataron o prazo de execución durante o mandato popular e o antigo Concello continuou realizando.

Neste tema, Noriega declarou que Compostela Aberta non ten coñecemento das razóns do atraso e por que o goberno saínte continuou coa súa execución fóra do período, pero comunicou que o seu partido "intentará regularizar a situación cun aumento do prazo".

Por outra banda, o Consorcio anunciou a licitación da reparación da rúa Pedreira, cun presuposto de 207.946 euros, e da rúa Escarabuña, por 246.599 euros.

Así mesmo, informou da prórroga do contrato de 'Conservación, mantemento e reparación' de pavimento fóra da Cidade Histórica, cunha dotación próxima aos 150.000 euros, e a sinatura convenios de colaboración con diferentes asociacións deportivas por un valor total de 193.190 euros.

Te puede interesar