Un morto e tres desaparecidos na praia coruñesa do Orzán

Un policía faleceu e outros dous compañeiros están desaparecidos, despois de intentaren salvar un mozo eslovaco que na pasada madrugada se tirou á auga na praia coruñesa do Orzán, e a quen tamén buscan os servizos de rescate.

Un amplo dispositivo de Salvamento rastrea desde a madrugada, baixo moi adversas condicións do mar, con ondas de catro e cinco metros, as praias de Riazor e do Orzán, separadas por un dique, despois de que se tivese coñecemento do suceso.

Segundo as primeiras investigacións facilitadas polo secretario de Estado de Seguridade, Ignacio Ulloa, e o director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, desprazados ao lugar, o suceso ocorreu cando un grupo de alumnos con bolsa Erasmus acudiron á praia despois dunha noite de festa.

Segundo parece un mozo estudante eslovaco, Tomas Pelicky, nado en Bratislava en 1988, foi arrastrado por un golpe de mar, malia que un dos seus amigos intentou axudalo.

Dous policías nacionais de paisano que estaban na zona, Javier López López, de 38 anos e veciño da Coruña, e Rodrigo Maseda, de 35 anos e natural de Burela (Lugo), intentaron socorrer o mozo, mais foron arrastrados polo mar.

Un terceiro axente, pertencente a unha patrulla Zeta e uniformado, José Antonio Villamor, de 34 anos e natural de Friol (Lugo), introduciuse tamén na auga para auxiliar os seus compañeiros aínda que foi tamén engulido.

O cadáver de Javier López López foi localizado ás 09.00 horas e desembarcado no peirao de Oza ás 10.00 horas.

Ulloa insistiu en que os traballos de busca continúan coa 'esperanza' de achar con vida algún dos desaparecidos aínda que recoñeceu que a medida que pasan as horas o máis probábel é que o desenlace termine en 'traxedia'.

No operativo de busca traballan catro helicópteros e sete embarcacións con apoio desde terra.

O director xeral da Policía asegurou 'que se se confirma o fatal desenlace, os tres axentes darían a súa vida por intentar salvar a dos demais' e anunciou que a Policía estuda diversas posibilidades para condecorar os tres axentes polo seu 'heroico acto'.

Universitarios de varias nacionalidades e procedentes de centros de Vigo, A Coruña, Coimbra (Portugal) e outras, que estaban no momento dos sucesos na praia, prestaron declaración na comisaría para intentar aclarar o ocorrido.

Así mesmo, explicou que cando a Policía termine de instruír o caso dará conta ao xulgado que deberá determinar a apertura dalgún tipo de procedemento se considera que houbo unha conduta delituosa por presunta neglixencia dos mozos.

Cosidó afirmou que 'non consta' que se metese na auga ningún outro mozo máis que o desaparecido.

O amigo que intentou rescatalo permanece ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) con síntomas de hipotermia.

Por outro lado, un amigo do mozo eslovaco desaparecido presentouse na zona e comentou que ao seu compañeiro lle quedaban quince días de estadía en España.

Está previsto que a partir das 15 horas os ministros de Interior e Fomento, Jorge Fernández e Ana Pastor, acompañados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudan ao lugar do suceso.

Te puede interesar