O Museo de Pontevedra expón máis de 300 xoguetes ferroviarios ata o 18 de maio

O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle dende este venres 11 de abril e ata o próximo 8 de maio máis de 300 xoguetes ferroviarios, entre eles varias pezas únicas nunca antes expostas ao público, na mostra 'Historia do tren de xoguete español'.

Con esta proposta cultural, a Deputación de Pontevedra conmemora a chegada do primeiro ferrocarril a Pontevedra, o 16 de maio de 1884. A exposición recolle pezas dende esa data ata a década dos 80 do pasado século, repasando os elementos máis variados do mundo do tren, dende estacións, plataformas, depósitos de locomotoras, gardaagullas, depósitos de auga, despacho de billetes e trens.

O comisario da mostra, José Antonio Quiroga, subliñou que esta "é a exposición de xoguetes máis completa que se pode visitar agora en España", e permite achegarse á evolución dos materiais empregados nesta industria, dende a folla de lata, pasando pola madeira, o celuloide e rematando co plástico dos anos 80.

Ofrece un percorrido con "obras mestras admiradas por coleccionistas de todo o mundo", segundo dixo, como o conxunto de 14 xoguetes da marca Hispania, elaborados por latoeiros do Barrio de Graza de Barcelona e entre os cales figuran 11 pezas que nunca antes foran expostas ao público.

TREN DE 1918

Outra das pezas destacadas é un tren de madeira de 1918, do considerado pai do construtivismo Joaquín Torres García, que durante unha época se encargou de deseñar xoguetes. A fábrica para a cal os deseñaba ardeu e quedaron moi poucos exemplares que agora están en museos como o MOMA e dos que tamén a colección Quiroga-Monte posúe algún, como este tren que agora se expón en Pontevedra.

Tamén destaca o conxunto composto polas únicas 11 pezas realizadas polo alemán Enrique Keller e entre as cales figuran locomotora, ténder e coches de pasaxeiros.

Outras pezas destacadas son os primeiros trens de Jorge e Enrique Rais (1884-1910), que se expoñen tamén por primeira vez en España; numerosas estacións de tren de principios do século XX e que non só permitirán ao visitante achegarse á excepcional elaboración de xoguetes da época, senón tamén a un tipo de arquitectura industrial que tivo a súa representación en Pontevedra na vella estación de Campolongo; a mítica Mastodonte de 1930; a primeira Maquinilla eléctrica; trens de chapa de latón estampada; unha recreación do Talgo realizada por Ibertren na década dos 70 ou o Electrotren coa súa Locomotora diésel Renfe, de 1980.

DIVERSIFICACIÓN

Segundo explicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, durante a presentación da mostra, esta exposición é un paso máis na "aposta pola diversificación da oferta do Museo".

Neste sentido, incidiu en que a mostra se completará cunha viaxe en tren turístico polas zonas polas que pasaba a antiga vía de ferrocarril, con explicacións técnicas e históricas.

Te puede interesar