MANIFESTACIÓN

O naval ferrolán camiña por máis traballo e futuro arredor da ría

635647933029775236w
photo_camera El sector naval esta mañana protestanto en las calles de Ferrol.

Esta protesta forma parte do calendario de mobilizacións proposto polos comités de empresa e referendado polo cadro de persoal, co apoio dos delegados da industria auxiliar.

Por terceiro ano consecutivo, dous mil operarios dos estaleiros de Ferrol e Fene, os dous centros públicos de Navantia en Galicia, convocaron unha camiñada a pé de 20 quilómetros arredor da ría para reclamaren carga de traballo civil e militar que ocupe o cadro de persoal directo e auxiliar, e o comprometido dique flotante para potenciar a área de reparacións.

Esta protesta forma parte do calendario de mobilizacións proposto polos comités de empresa e referendado polo cadro de persoal, co apoio dos delegados da industria auxiliar.

A marcha partiu hoxe, ás doce do mediodía, da porta principal da factoría de Esteiro. Media hora máis tarde, cruzaban os seus integrantes a ponte das Pías, onde os esperaban os compañeiros de Fene, a antiga Astano.

A acción reivindicativa consiste nun longo percorrido de case 21 quilómetros e unhas catro horas, as que se tarda en atravesar a ría de Ferrol a Fene, pasando por Neda e Narón de regreso á cidade naval, onde está previsto que estean sobre as catro, hora fixada para a chegada ao punto de partida.

No groso da marcha, moitos paraugas, chuvasqueiros, mochilas co bocadillo e calzado deportivo. Uniuse persoal xa prexubilado ou xubilado dos estaleiros públicos, así como familiares e amigos que arrouparon o cadro de persoal na súa protesta durante algúns tramos, a pé ou en bicicleta.

No día 15 de maio do 2014 xa houbo unha protesta idéntica, entón na antesala dos comicios europeos, e en 2013 foi a primeiros de xullo, no día 4.

As esixencias dos cadros de persoal apenas variaron nestes últimos catro anos porque continúan a esixir carga de traballo civil e militar que permita a ocupación total do seu persoal e recuperar os 3.500 empregos destruídos nas subcontratas desde 2011, ademais do dique flotante para a área de reparacións navais.

Na porta do estaleiro ferrolán, o presidente do comité de Ferrol, Ignacio Naveiras, das CC.OO, reclamou un "pacto de Estado" para designar a dirección de Navantia "máis alá dos tempos políticos" para evitar así, dixo, os "continuos cambios" na política industrial da compañía que deixan a empresa "á deriva".

"É unha actitude que non se pode levar nun plano industrial", manifestou Naveiras. Nunhas declaracións á Efe, o presidente do comité ferrolán responsabilizou o PP "tanto en Santiago como en Madrid" de condenar o grupo "a unha situación límite".

Sostén que a carga de traballo en obra nova actual -flotel da Pemex e traballos iniciais do BAM para a Armada- non é suficiente para manter ocupado todo o cadro de persoal.

As federacións de Industria das CC.OO e da CIG tamén anticiparon neste pasado luns un calendario de protestas "específico" para as subcontratas a fin de tentar impedir "os abusos de xornada e os cambios de traballos a Fene".

Para o próximo 10 de maio está convocada outra mobilización comarcal xa ás portas das eleccións locais de 24 de maio.

Te puede interesar