“Para nós a prioridade é cambiar as políticas, non estar no goberno'

David Fernández Calviño.
Antigo militante do BNG, David Fernández Calviño fala de si mesmo como un 'científico en paro, como tantos outros'. Nestas eleccións é tamén o candidato de Alternativa Galega de Esquerda por Ourense.
Non son alleos á política en xeral. Que diferencia esta campaña das anteriores?
Somos unha coalición aínda sen oportunidade de gobernar. Presentámonos a estas eleccións porque consideramos que moitísima xente está decepcionada, entre eles nós cos partidos que actualmente contan con representación parlamentaria. Cremos que somos unha garantía de que o estado de benestar van ser a nosa prioridade por riba de todo. As persoas que levamos teñen unha credibilidade moi alta. Nisto poño como exemplo a Xosé Manuel Beiras, unha persoa que sempre dixo o que pensaba independentemente do lugar que lle tocou vivir. Un dos problemas de militar nos partidos tradicionais é que non podes dicir o que realmente pensas, senón que tes que mentir e desviar a atención. Nós estamos dispostos a afrontar a realidade, as cousas son como son.

Precisamente Beiras foi criticado por esa volta á primeira liña política. Que avala a súa candidatura?
El volveu porque llo pedimos nós. É unha persoa que ten demostrado que nunca se vendeu, sempre defendeu o mesmo e para nós é moi importante que veña, por esa credibilidade que nos aporta.

Están facendo unha das campañas máis “guerreiras”, con ese “Hai que paralos!”. A que sector da cidadanía dirixen esta mensaxe?
Pois ó 95% da sociedade. O maior problema que vemos nós hoxe en día é que cos servizos públicos, para nós un dereito fundamental, o PP está intentando facer negocio de xeito descarado. Nós somos contrarios á privatización tanto en Educación como en Sanidade.

Fálase dunha ruptura entre a clase política e a sociedade. Quen ten a culpa?
Nós cremos que ó propio sistema non lle interesa que á xente lle interese a política. De feito, tódolos que din que os políticos son todos iguais, despois votan ó PP. É algo que se lle está metendo á xente na cabeza e é algo propio do sistema. Non queren que a xente participe, nin que se dea conta das barbaridades que están facendo. O señor Feijóo, por exemplo, pertence a un partido que sempre fala de que hai que adelgazar o Estado e, pola contra, el é un experto en colocar á súa familia en bos postos. Estes señores só están na política para lucrarse. Nós dicímolo así de claro porque non é un negocio, senón un servizo público. Eu quero aportar o meu grao de area á sociedade, sempre vou participar para que o mundo sexa mellor, sexa dende a política ou dende calquera outro ámbito. É normal que a xente estea enfadada, poruqe se están dando casos escandalosos. Nós non somos clase política, somos persoas.

As enquisas varían en número de parlamentarios pero, en calquera caso, estanlle sendo favorables a AGE.
Tódalas que hai si que nos dan representación, pero eu non as creo. Non é posible que unhas dean un deputado e outras oito. Xa veremos o que pasa o día 21. Eu estou convencido de que a medida de que a xente nos coñece, imos conseguir algo.

Barallaron xa o que acontecería chegado o punto de que de vostedes dependera unha coalición de goberno?
Temos clarísimo que a nosa prioridade é eliminar ó PP porque nunca houbera un goberno tan malo. Non imos participar nun reparto de cromos; temos un programa e non imos permitir que determinadas barreiras se traspasen. Para nós a prioridade é cambiar as políticas, non estar no goberno. Iso non quere dicir que non poidamos estar.

Te puede interesar