Tres novas detencións elevan a seis os implicados nunha redada antidroga en Santiago

A Policía detivo tamén a fin de semana a outros cinco individuos relacionados co tráfico de drogas e a prostitución
Un total de seis persoas foron detidas este mércores en Santiago de Compostela no marco dunha redada contra unha rede de distribución de cocaína coordinada pola Garda Civil de Cádiz e que se desenvolveu de forma paralela en distintas provincias españolas.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Garda Civil, en total foron detidas este mércores en Santiago no marco desta operación seis persoas, a maior parte de orixe estranxeira e todas acusadas de pertencer a unha rede de tráfico de drogas.

Un amplo despregamento policial, no que tomaron parte a Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local, operou dende as 6.00 horas deste mércores na rúa Santiago de Chile, onde se realizaron rexistros en tres pisos.

Numerosos axentes participaron no operativo, que se prolongou ata as 9.00 horas, e dentro do que se practicaron rexistros nos números 5, 23 e 30 desta rúa do centro urbano de Santiago. Ademais de deter seis persoas, os axentes incautáronse durante a xornada de abundante documentación, bolsas e maletas.

RÚA CORTADA

O despregamento policial obrigou a cortar ata as 7.45 horas a circulación nun tramo da rúa Santiago de Chile e atraeu numerosos curiosos e veciños, que fixeron fincapé en que se trata dun barrio 'tranquilo' e mostraron a súa sorpresa polo operativo.

Así mesmo, un home que reside no piso veciño a un dos rexistrados sinalou que neste domicilio reside unha parella de mediana idade de orixe sudamericana, aínda que asegurou non ver nada estraño no seu comportamento.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes próximas á investigación, o operativo enmárcase dentro dunha operación contra o tráfico de drogas coordinada dende a unidade antidroga da Garda Civil de Cádiz e desenvolveuse de forma paralela en diferentes provincias españolas. A investigación continúa aberta e non se descarta que poida haber novas detencións.

OUTROS CINCO DETIDOS

Ás seis detencións practicadas este mércores súmanse outras cinco levadas a cabo durante a fin de semana no marco dunha investigación da Policía Nacional en Santiago de Compostela, que conflúe nesta rede de tráfico de drogas a escala nacional.

Na investigación levada a cabo pola Policía Nacional víronse implicados cinco cidadáns de orixe dominicana acusados de delitos relacionados co tráfico de drogas, a prostitución e a inmigración clandestina.

Os antecedentes da investigación, explicou o Corpo, remóntanse ao mes de xaneiro, cando axentes da Brigada de Estranxeiría da Comisaría de Santiago recibiron información relativa á posible regularización de estranxeiras relacionadas con locais de alterne mediante matrimonios simulados para obter o permiso de residencia.

No transcurso das pescudas, que coordinan os xulgados de instrución número 1 e 2 de Santiago, localizáronse locais de ocio nos que se distribuían pequenas cantidades de droga xunto a servizos sexuais, unha rede na que estaban implicados os cinco detidos e que traía cocaína dende Madrid.

O operativo policial interceptou esta fin de semana a entrega dun cuarto de quilo de cocaína aos distribuidores da cidade polo que se procedeu, na propia estación de autobuses compostelana, á detención dos dous homes que transportaban a droga.

Posteriormente foron detidas outras tres persoas, unha muller que debía recoller a cocaína e unha 'ficticia' parella de feito formada por unha prostituta, que se encargaba de facilitar a droga os seus clientes, e un proxeneta.

A Brigada de Estranxeiría considera que todos os detidos participaban dunha rede para legalizar a situación irregular de estranxeiros en España a través de matrimonios de conveniencia. Á parte da implicación nun delito de tráfico de drogas por parte de todos os detidos, tres deles atópanse en España en situación irregular.

Os detidos na operación coordinada pola Policía Nacional foron postos a disposición xudicial, que determinou o ingreso en prisión de tres deles e a posta en liberdade con cargos dos outros dúas.

Te puede interesar