Orozco denuncia unha 'infamia' e pedirá amparo se non se levanta o segredo

O presidente do PSdeG e alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, dixo hoxe que é vítima dunha 'infamia' e que se a instrutora do caso Pokemon non levanta no próximo día 18 o segredo de sumario pedirá amparo ao Consello Xeral do Poder Xudicial, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e á propia maxistrada.
O rexedor respondeu así, nunha rolda de prensa, perante as informacións publicadas en que se afirma que a xuíza Pilar de Lara sospeita que a empresa concesionaria do guindastre en Lugo subornaba o propio López Orozco e o que fora concelleiro de Economía e Urbanismo, Francisco Fernández Liñares.

Os seus avogados, dixo López Orozco, van solicitar hoxe de 'maneira urxente' comparecer no xulgado perante as informacións vertidas sobre a súa persoa, porque todo, dixo o primeiro edil, 'é unha mentira, unha auténtica andrómena' que padece tanto a cidade, como a súa familia e el mesmo.

Cando saiba quen lanzou esa 'infamia', avanzou, tomará 'medidas xudiciais' sobre quen verteu 'esas calumnias'. 'Poden mirarme de arriba embaixo e darme a volta como un calcetín. Non recibín nin un céntimo. É mentira, é unha pura invención', concluíu.

Te puede interesar